O Club Naval, a Marea: "No sabemos qué pretenden estos señores con sus infundios"

Pontevedra
19 de novembro 2016

A moción que presentará Marea ao próximo pleno, esixindo que non se faga a dragaxe do Lérez e suxerindo que o porto deportivo debería ser desmantelado, molestou profundamente á directiva do Club Naval. Os seus membros non dubidaron en defenderse dos "infundios" que, segundo a súa interpretación, están a divulgar desde este partido político

Carlos Paz, nas instalacións do náutico xunto a piragüistas do club
Carlos Paz, nas instalacións do náutico xunto a piragüistas do club / PontevedraViva

A moción que presentará Marea ao próximo pleno, esixindo que non se faga a dragaxe do Lérez e suxerindo que o porto deportivo debería ser desmantelado, molestou profundamente á directiva do Club Naval. Os seus membros non dubidaron en defenderse dos "infundios" que, segundo a súa interpretación, están a divulgar desde este partido político.

Nunha rolda de prensa celebrada este sábado, o presidente da entidade, Carlos Paz, asegurou que "no sabemos qué pretenden estos señores", pero advertiu que o Club Naval "nos vamos a defender" porque entenden que realizan unha "notable" achega á vida económica, social e deportiva da cidade.

Ao club molestoulle especialmente que Marea asegurase que o porto deportivo é unha das "peores agresións" urbanísticas e ambientais que sofre o río Lérez e que xeran un "escaso retorno" económico para o municipio.

Carlos Paz explicou que a construción do náutico, que contou no seu día con todos os permisos ambientais, non se realizou sobre recheo algún e a plataforma do edificio social está situada sobre pilotes ancorados ao leito do río, permitindo sen ningún tipo de impedimento o paso da auga que traslada o Lérez.

Ademais, asegura que "no podemos tolerar" que desde Marea lles responsabilicen de varias verteduras de combustible á altura da ponte da Barca. Aínda que matiza que estas acusacións de Marea "no merecen credibilidad alguna", o presidente do club explicou que a Xunta revisa de forma habitual as instalacións e que eses incidentes procedían dun desaugadoiro de fecais, que estaba situado a uns 200 metros das súas instalacións.

En canto ao seu balance económico, Carlos Paz explicou que máis aló dos 60.000 euros anuais que o club paga por taxas e impostos, o náutico pontevedrés conta con catro empregados fixos e un quinto temporal e que contrata outros servizos como limpeza, mantemento ou asesoría. Nos últimos 15 anos, ademais, investíronse 650.000 euros en diferentes actuacións na contorna.

A iso hai que sumar, dixo, a media de 76 embarcacións que se atopan atracadas cada mes no porto, entre elas vehículos acuáticos de Bombeiros e Protección Civil aos que non se lles cobra o amarre nin os servizos que utilizan. Tamén é porto de paso para embarcacións en tránsito e cuxos pasaxeiros realizan as súas compras e se alimentan na cidade.

Carlos Paz engadiu que, actualmente, o Club Naval conta con 238 socios e que ten, no ámbito deportivo, preto dun centenar de mozos que practican o piragüismo. Moitos deles atópanse entre a elite desta disciplina a nivel nacional e, ao longo dos anos, contou con padeeiros nas olimpíadas de Atlanta, Barcelona ou Sidney.

"Nosotros no entorpecemos a la ría", resumiu o presidente do Club Naval. "No creo que lo nuestro sea molesto para nadie", xa que asegura que desde a entidade "hemos defendido siempre a este río", ao ser o seu principal ámbito de actividade tanto desde o punto de vista das embarcacións náuticas como desde o piragüismo.

QUE A DRAGAXE SE FAGA CANTO ANTES

Carlos Paz aproveitou tamén para reclamar que a dragaxe do Lérez, comprometida pola Xunta para o primeiro semestre de 2017, se faga canto antes. O nivel de sendimentos, no seu maior parte lodos e fango, que se acumulan na canle o río impiden que o porto poida render na súa plenitude, ao haber pantaláns que están inutilizados por falta de calado.

"Podemos llegar hasta los 140 amarres, pero actualmente apenas podemos utilizar la mitad", explicou. Ademais, reiterou que esta dragaxe tamén a reivindican as confrarías da ría e que se pretende facer desde a desembocadura do río ata a ponte do Burgo, de forma que se beneficien todos os sectores que viven da ría.

Segundo o presidente do club, Pontevedra "lleva mucho tiempo viviendo de espaldas al río" e esta actuación podería ser o primeiro paso para reverter esta situación.