O claustro do CIFP A Xunqueira defende a presencialidade en varios ciclos

Pontevedra
19 de xuño 2023

Para o vindeiro mércores día 21 de xuño, está convocada unha concentración ás 11 da mañá nas portas da Delegación da Consellería de Educación nas oficinas de Campolongo, "para amosar o rexeitamento do profesorado á eliminación da oferta presencial nos termos sinalados"

Concentración no CIFP A Xunqueira
Concentración no CIFP A Xunqueira / Mónica Patxot

Os cambios anunciados na oferta formativa foron abordados na reunión de claustro extraordinario celebrada este luns, a petición do departamento de Servizos socioculturais á comunidade do CIFP A Xunqueira.

Segundo resolveron, o Claustro do profesorado, apoiado pola Dirección manifesta o "desacordo e o malestar da comunidade educativa, ante os argumentos expostos pola Consellería de Educación, que din que estes cambios veñen dados a petición expresa dos centros".

Para o vindeiro mércores día 21 de xuño, está convocada unha concentración ás 11 da mañá nas portas da Delegación da Consellería de Educación nas oficinas de Campolongo, "para amosar o rexeitamento do profesorado á eliminación da oferta presencial nos termos sinalados".

Esta oferta formativa para o curso 2023/2024, comunicada o pasado día 7 de xuño, suprime o réxime ordinario presencial nos ciclos de Integración Social e Promoción de Igualdade de Xénero, que pasan a ofertarse só en modalidade a distancia. 

"As ensinanzas a distancia funcionan e son de calidade pero para uns destinatarios que ten unhas necesidades concretas", sinalan dende o CIFP de A Xunqueira. De feito o Centro solicitou a modalidade a distancia para o Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero, "pero sempre mantendo o citado ciclo no réxime presencial". 

En canto ao Ciclo Superior de Integración solicitou o mantemento deste no réxime ordinario presencial e, a maiores, a súa oferta en modular (adultos) pero tamén presencial. Estes ciclos, no réxime ordinario presencial, contan con unha alta demanda de alumnado (incluso listas de espera cada ano).

O Claustro de A Xunqueira apunta que o perfil do alumnado de ordinario presencial é totalmente diferente ao de modular (presencial ou distancia) e, "coa eliminación deste réxime quedaría desatendido". "Ademais de obrigar a este alumnado a unha semipresencialidade que, polas súas características e momento de desenvolvemento persoal, sería contraproducente para o seu progreso académico, social e persoal", engaden.

"Dado que os ciclos nos que se elimina a presencialidade están altamente feminizados, estes feitos van en prexuicio da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e á inserción laboral e social destas alumnas que quedan fora da esfera social ao se veren obrigadas a estudar dende a casa", destaca o comunicado feito polo claustro.

EXPLICACIÓNS DA DIRECTORA XERAL DE FP

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse este luns co Consello Galego de FP para explicar a oferta de ciclos, másteres e programas formativos para o curso 2023/24. 

Un total de 42.174 prazas nun catálogo no que 34.704 son na modalidade presencial, a maior oferta presencial da historia, e só 7.470 son a distancia. Ademais, haberá 1.482 grupos cursando Formación Profesional de xeito presencial e só 151 o farán a distancia.

A directora xeral lamentou a "confusión xerada arredor da oferta de FP a distancia", e lembrou que "todos os alumnos que iniciaron un ciclo ordinario presencial o curso 2022/23 van poder rematalo tamén de xeito presencial o curso que vén". 

"No caso do alumnado que procede do réxime modular para adultos, os centros poderán regular a posibilidade de presencialidade, que vai do 25% do horario ao 100%, en función das necesidades do alumno", dixo Eugenia Pérez. Esta posibilidade recordarase esta mesma semana na publicación da oferta no Diario Oficial de Galicia.

En calquera caso, a representante da Xunta reiterou que o obxectivo da oferta a distancia é "incrementar as oportunidades dos estudantes, atendendo ás necesidades de distintos colectivos como traballadores en activo aos que esta modalidade, máis flexible, lles permite compatibilizar estudos e traballo, favorecer así a conciliación e achegar a oferta a poboación do rural".