O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) quedou sen espazo para acoller a todo o público que quixo asistir este sábado ao acto de celebración dos cinco anos do programa 'A memoria das mulleres', unha proposta da concellería de Patrimonio Histórico posta en marcha en decembro de 2013 coa intención de recoller a historia das mulleres que tiñan sido imprescindibles na construción de Pontevedra e que non aparecen no relato oficial.
Ao acto acudía a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, así como os concelleiros Luis Bará, Pilar Comesaña e Tino Fernández, ademais do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Tras a actuación inicial da agrupación de música Comando Foucellas seguida por ao redor dun cento de persoas, a metade de pé, Luis Bará explicou que este proxecto nacera grazas ao traballo de Aurora Marco sobre as mulleres galegas e realizou un agradecemento público a todas aquelas persoas que tiñan colaborado nesta iniciativa onde se recollen máis de 300 nomes.
Explicou que se trata do paso do gris ao violeta, tal e como aparece reflictido na nova páxina web www.dogrisaovioleta.gal que ofrece unha enciclopedia da historia das mulleres de Pontevedra, "unha mulleripedia", apuntou o concelleiro e deputado autonómico.
Este web nace co obxectivo de que creza e que se difunda, tal e como sinalaron as súas creadoras María Abelleira e Xiana Iglesias, que destacaron a biografía de Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña, as dúas mulleres asasinadas polo franquismo en Pontevedra.
Montse Fajardo, escritora e xornalista, foi a encargada de recuperar a historia das mulleres que se atopaba esquecida, durante este lustro. Na súa intervención manifestou que esta memoria constrúese desde unha postura feminista e cunha perspectiva de país afirmando que unha cidade só é modélica "cando ten alma".
O acto remataba cunha nova actuación musical tras a entrega de agasallos ás persoas que colaboraron no programa, María Lores, María Xesús López Escudeiro e Pepe Álvarez Castro, ademais do propio Luis Bará.