O cinema como ferramenta de aprendizaxe para o novo curso escolar no CEIP Ponte Sampaio

Pontevedra
11 de setembro 2019

O alumnado do CEIP de Ponte Sampaio empezou o novo curso escolar desfilando pola alfombra vermella e escoitando as bandas sonoras de película máis míticas mentres esperaban para entrar na aula. O obxectivo deste ano é que descubran o mundo creativo a través do cinema

Primeiro día de clase no CEIP Ponte Sampaio
Primeiro día de clase no CEIP Ponte Sampaio / CEIP Ponte Sampaio

O alumnado do CEIP de Ponte Sampaio empezou o novo curso escolar 'de cinema' co obxectivo de que os alumnos traballen durante todo o curso a temática do cinema, coa súa evolución histórica, profesións relacionadas ou xéneros.

Trátase dunha proposta pedagóxica con actividades interrelacionadas e que se desenvolverán de maneira coordinada e desde unha óptica didáctica e construtiva para conseguir que os nenos descubran o mundo creativo e tratar de convertelos en "receptores reflexivos, críticos, selectivos e emisores activos de mensaxes".

É por iso, que utilizarán o cinema como ferramenta de aprendizaxe xa que non só é un medio de lecer e entretemento, senón que é un poderoso medio de comunicación e de expresión artística ofrecendo a alumnos e profesores a posiblidade de traballar a educación en valores e a convivencia.

Con motivo do primeiro día de clase, o centro foi decorado cun photocall, unha alfombra vermella e un Óscar polos que pasou todo o alumnado. Así mesmo, puideron gozar da audición de diferentes bandas sonoras míticas do cinema de hoxe e sempre mentres esperaban a súa quenda para entrar no centro escolar recentemente reformado.