O CIM de Soutomaior atendeu un total de 570 consultas no 2023

Soutomaior
25 de xaneiro 2024

A directora e a técnica de Igualdade do Centro de Información á Muller de Soutomaior presentaron nesta xornada a memoria do CIM do 2023. Un documento que deixa patente, un ano máis, a necesitade de contar con este Centro no concello de Soutomaior

Centro de Información á Muller (CIM) de Soutomaior
Centro de Información á Muller (CIM) de Soutomaior / Concello de Soutomaior

A psicóloga e directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Soutomaior, Cristina García e a técnica de Igualdade do CIM, Margarita Taboada, presentaron nesta xornada a memoria da actividade deste centro que atendeu un total de  570 consultas no 2023.

Segundo os datos coñecidos nesta xornada podemos saber que as consultas realizadas foron as seguintes: 157 de asesoramento xurídico, 222 atención psicolóxica , 12 atención a vítimas de violencia de xénero, 21 persoas recibiron información dos cursos, actividades ou xornadas realizadas polo CIM e 153 información doutros recursos.

Ademais, tramitáronse axudas como a prestación de pago periódico para vítimas de violencia de xénero (6 solicitudes), prestación de pago único (3 solicitudes) ou as estadías de tempo libre. Tamén se tramitaron 4 novas solicitudes de servizo de acompañamento telefónico ATENPRO, para vítimas de violencia de xénero.

Para favorecer a saúde física, emocional e mental das persoas usuarias do CIM, así como promover os seus hábitos de autocoidado, dentro do Espazo Autocoiado, organizáronse 6 obradoiros ao longo do pasado ano: Apoderamento Corporal, Calma na alma, Arteterapia, Chan pélvico, Xinecoloxía natural e igualdade afectivo-sexual organizados en pequenos grupos, onde participaron 86 mulleres.

No 2023, promovéronse desde o Concello actividades de conciliación, dentro do Espazo Concilia realizáronse catro campamentos para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante períodos non lectivos dos colexios, onde participaron un total de 147 nenos do municipio.

Así mesmo, realizáronse actividades especificas para conmemorar as datas do 8 de marzo e o 25 de Novembro, días internacionais da muller e contra a eliminación da violencia machista, respectivamente.

O espazo redes é un programa de intervención comunitaria para fomentar o tecido asociativo e a creación redes veciñais entre mulleres, en especial de mulleres do rural, do Concello de Soutomaior. Dando a coñecer a importancia da labor das mulleres no rural, dando voz a un colectivo especialmente esquecido. Dentro de este espazo desenvolveuse o programa Enredadas cun total de 6 obradoiros escollidos por cada asociación de mulleres rurais que se desenvolveron nos últimos meses do ano pasado, con máis de 70 participantes.

Ademais, realizouse a xuntanza anual de mulleres de Soutomaior, o Plan Corresponsables con tres formacións, primeiros auxilios, dixitalización, competencias dixitais para o emprego, o Punto Lila da festa da Ostra, obradoiros para terceira idade, como risoterapia, artefloral e adornos de nadal, a charla do 11 de febreiro da muller e a nena na ciencia, dúas mesas de coordinación para as profesionais na loita contra a violencia de xénero, o curso de castelán para a comunidade árabe e a maleta viaxeira Mavi, entre outras accións de sensibilización e promoción da igualdade.

O Centro de Información a Muller atópase na rúa Peirao, nº 8 en Arcade, no Centro de Benestar Integrado. Calquera persoa, que así o considere pode facer uso do servizos, chamando o número de teléfono 986701227 para pedir cita previa.