O Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo inicia a súa programación con talleres e formación sobre igualdade, o empoderamento feminino e contra a violencia de xénero como actividades previas á conmemoración do 25-N.
O IES de Vilalonga contará este xoves, entre as 10 e as 14 horas, cun punto violeta da campaña “Agresión off: Eu digo non á violencia sexual” dentro do acordo de colaboración asinado pola Secretaría Xeral de Igualdade e a Fegamp.
As sesións de educación afectivo sexual como prevención da violencia de xénero comezarán este venres nos centros educativos municipais. Co proxecto “Quéreme menos e quéreme mellor”, subvencionado pola Deputación de Pontevedra, búscase previr a violencia machista en idades temperás cun total de 300 horas repartidas en 4 meses.
A formación en igualdade chegará tamén ao Taller de Memoria de Sanxenxo. O CIM realizará sesións de difusión e sensibilización durante o mes de outubro contra a violencia de xénero.
A programación do Centro de Información á Muller inclúe un taller de empoderamento feminino e autoestima que impartirá Silvia Fernández De Luna na Confraría de Pescadores de Portonovo. As prazas son limitadas e as mulleres que queiran asistir poden inscribirse no correo [email protected] ata o 14 de outubro. Traballaranse técnicas de respiración consciente, recoñecemento corporal, aromaterapia e de desconexión emocional. As clases serán o 21 e 28 de outubro ás 17 horas e o 4 e 11 de novembro ás 19 horas.