O CIFP A Xunqueira, pioneiro en ofertar o ciclo de Promoción de Igualdade de Xénero

Pontevedra
21 de xuño 2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar o borrador da oferta de ciclos formativos para o curso 2017/18

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o CIFP A Xunqueira I
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o CIFP A Xunqueira I / Xunta de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de publicar o borrador da oferta de ciclos formativos para o curso 2017/18, a través do que se ofrecen 9.643 prazas en primeiro curso en centros públicos da provincia de Pontevedra (un incremento de aproximadamente o 0,8%), en 383 ciclos e programas formativos autorizados; entre eles, o primeiro ciclo de Promoción de igualdade de xénero.

Entre as novidades para o curso que vén atópanse dous ciclos de nova creación, nomeadamente o de FP Básica de Mantemento de vivendas (IES Chan do Monte, Marín) e o de grao superior en réxime ordinario de Promoción de igualdade de xénero (CIFP A Xunqueira, Pontevedra), o primeiro que se pon en marcha en Galicia. 

Ademais, implantarase como novidade neste centro o ciclo de grao superior en réxime ordinario de Deseño e amoblamento (CIFP A Xunqueira).

Asemade, o CIFP Carlos Oroza ofertará unha das tres dobres titulacións dos ciclos superiores en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración, que se imparten por primeira vez en Galicia, en colaboración con Arlea Hotels. Deste xeito, o alumnado poderá obter estes dous títulos en tres cursos académicos en lugar dos catro habituais. 

En grao superior reeditarase o ciclo de grao superior de Xestión de aloxamentos turísticos (CIFP Carlos Oroza, Pontevedra, con Arlea Hotels).

No caso dos ciclos de grao medio e superior en réxime ordinario os principais cambios prodúcense no IES Monte da Vila (O Grove), onde se cambia o de Instalacións de telecomunicacións polo de Sistemas microinformáticos e redes, ambos de grao medio. Ademais, e polo réxime rotatorio que teñen estes ciclos, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura da Illa de Arousa incorpora o ciclo de grao medio en Operacións subacuáticas e hiperbáricas. 

Por outra banda, deixa de ofertarse por falta de alumnado, no réxime modular para adultos presencial o ciclo de grao medio de Instalacións de produción de calor do IES Chan do Monte (Marín).