O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán reuniu este xoves un grupo de investigadores expertos na xestión e investigación dos lumes forestais.
O encontro tivo lugar no marco do proxecto ENFIRES-NW que busca redefinir e caracterizar a vulnerabilidade dos ecosistemas mediterráneos fronte aos lumes forestais de cara á poder deseñar territorios máis resilientes fronte ao lume.
Neste encontro, a Consellería do Medio Rural expuxo as características que presentan os incendios na nosa comunidade e as novas ferramentas tecnolóxicas na loita contra os lumes forestais.
A iniciativa ENFIRES-NW está dirixida pola investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán Cristina Fernández, e colaboran ademais deste Centro, o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA-CSIC) e as Universidades de Castela a Mancha e Córdoba.
Así, neste taller sobre a "Mellora da resiliencia aos incendios dos sistemas forestais mediterráneos ", coordinado pola propia Cristina Fernández, houbo diversas charlas con investigadores sobre temas como a caracterización dos combustibles forestais nos lumes ou sobre o papel da ciencia na xestión dos incendios.
Entre as intervencións, o investigador do CIF de Lourizán José Antonio Vega presentou unha conferencia sobre os novos modelos de combustible de matogueira para a predición de comportamentos do lume.
Mentres, a Dirección Xeral de Defensa do Monte colaborou no taller con charlas sobre os incendios forestais en Galicia, impartida polo subdirector xeral de Extinción, Fernando Veiga; e outra sobre as ferramentas tecnolóxicas na loita contra os lumes forestais, que presenta Gustavo Álvarez, coordinador de Sistemas e Tecnoloxías da Información deste departamento.