O ciclismo galego rende homenaxe a Magín Froiz, "unha persoa irrepetible"

Pontevedra
27 de marzo 2022

Como unha persoa "irrepetible". Así lembrou este domingo o mundo do ciclismo ao empresario Magín Froiz. Foi durante a proba da Copa de España de ciclismo feminino, que se celebrou na cidade de Pontevedra

Homenaxe a Magín Froiz na Copa de España de ciclismo feminino
Homenaxe a Magín Froiz na Copa de España de ciclismo feminino

Como unha persoa "irrepetible". Así lembrou este domingo o mundo do ciclismo ao empresario Magín Froiz. Foi durante a proba da Copa de España de ciclismo feminino, que se celebrou na cidade de Pontevedra.

Antes da proba reina, a da categoría elite e sub23, os organizadores quixeron render unha sentida homenaxe a un home que vinculou o seu nome a un dos equipos máis laureados do ciclismo galego, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

Foi o director deportivo da escuadra alimenticia, Evaristo Portela, o que representou á familia neste acto, acompañado pola ciclista junior Laura Mira.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a deputada provincial Ana Laura Iglesias fixéronlle entrega dun ramo de flores e dunha figura que conmemora o "recordo eterno" do mundo do ciclismo galego a un dos seus principais benefactores.

"Todo o que se lle poida facer ao meu gran amigo será pouco", sinalou Evaristo Portela a PontevedraViva tras esta homenaxe, destacado que "tiven a sorte de coñecelo e sempre me enganchou polos seus valores e polo humano que era".

Aínda que patrocinaba numerosas actividades deportivas "porque entendía que era fundamental para a sociedade", segundo Portela, o seu equipo ciclista era "a súa nena bonita".

Fernández Lores destacou que Magín Froiz "dedicou toda a súa vida" a manter este equipo ciclista, un dos grandes referentes deste deporte en Galicia. "Nunca houbo ningunha actividade na que se negase a colaborar", apuntou.

Sempre demostrou, engadiu o alcalde, "o seu amor polo ciclismo, polo deporte e pola comarca", polo que o seu falecemento foi unha "perda moi grande".