Os días de festa acábanse e con eles o mal tempo. Aínda que a choiva non supoñerá un inconveniente para a celebración da XXII Mostra da Parodia nin, polo momento, para o cortexo fúnebre que acompañará as últimas horas do friorento Loro Ravachol deste ano.
Segundo MeteoGalicia, a borrasca que ven dende o sur das Illas Británicas é a responsable da choiva e o vento que obrigaron a aprazar o Entroido en concellos como Sanxenxo e Poio. Por sorte para eles, parece que nas novas datas gozarán do bo tempo debido ao anticiclón que se empezará a notar a tarde do domingo e instalarase definitivamente na comunidade a partir do mércores.
VENRES 3
A choiva acompañará as celebracións do Entroido durante todo o día, cunha probabilidade do 80% de precipitacións que non outorgará clemencia ás comparsas da Mostra da Parodia. As temperaturas continuarán estables e razoables para esta época do ano, con mínimas de 8 graos e máximas de 12 graos.
SÁBADO 4
Galicia seguirá baixo a influencia das baixas presións durante o sábado, pero dándolle un respiro aos pontevedreses que quizais consigan gozar dos raios do sol durante a tarde. Iso si, as probabilidades de choiva, aínda que en descenso, seguirán sendo altas e recoméndase aos asistentes ao enterro de Ravachol que leven paraugas. Por suposto negro, que a cidade está de loito.
DOMINGO 5
Coma se dunha broma se tratase, co Entroido tamén se acaba o mal tempo. Aínda que na mañá do domingo non sufrirá variacións con respecto ao resto de días debido a choivas débiles, pola tarde notarase a transición entre a borrasca que se vai e o anticiclón que nos traerá o inicio de semana. As probabilidades de precipitacións caerán ao 40%, con alternancia de nubes e claros e ventos moderados. As temperaturas empezarán a subir, con mínimas de 10 graos e máximas de 15 graos.
As predicións para a próxima semana serán de altas probabilidades de choiva durante o luns e o martes, pero a tendencia caerá a medida que avancen os días. A influencia anticiclónica empezarase a notar a partir do mércores, con ceos previsiblemente despexados e unha subida moderada das temperaturas, que se situarán ao redor dos 10 graos para as mínimas e os 18 graos para as máximas.