O centro social A Pedreira organiza as I Xornadas: Construíndo futuro para a Lingua Galega. A primeira charla será o xoves 27 de abril ás 20:30 horas, impartida por Santi Quiroga, coordinador nacional das Escolas Semente e profesor no ensino público, que tratará sobre a inmersión linguística
Esta asociación ten como obxectivo transformar a vida social e cultural; promocionar a lingua e cultura; defender a natureza e loitar pola igualdade das persoas e pobos.
Durante estas xornadas haberá dous coloquios máis. O seguinte será o 4 de maio ás 20:30 horas: "Unha lingua extensa e útil". Tareixa Carro, profesora de portugués, e Sechu Sende, escritor multidisciplinar abordarán as infinitas posibilidades do mundo da lusofonía.
A terceira charla, "O Galego nas redes sociais", será o 11 de maio ás 20:30 horas e nesta participarán Neematiko, Sara Seco e Borxa Castro de Orgullo Galego e tratarán como é posible crear contido en galego con éxito.
"Vicio houbo sempre" é o 'Monólogo pola Língua' de Atenea García, que se levará a cabo ás 21:00 horas.
O 16 de maio: "Rondalla pola Língua" sairá ás 20:00 horas desde a Praza da Peregrina e finalizará na Praza da Pedreira, onde se lerá un manifesto. Seguidamente, en colaboración co Concello de Pontevedra, actuarán Tres pés para un Suso e Sonoro Maxín.
Ao día seguinte, o 17 de maio, realizarase unha animación infantil con Sororas e Peter Punk, na rúa Serra.
Ademais tamén se efectuará pasarrúas do grupo Foula e 'unha solta de libros viaxeiros'polas rúas de Pontevedra. Ao mediodía está programada unha sesión de vermú co grupo Foula novamente e un xantar que acabará cunha foliada.