O centro de saúde de Vilalonga non terá médico do 5 ao 9 de decembro

Sanxenxo
04 de decembro 2022

Segundo denuncian desde a plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo, a atención primaria no consultorio de Vilalonga "estará sen médico ao longo da semana do 5 ao 9 de decembro, polo que preto de 3.000 persoas non van ter médico para as consultas ordinarias"

Centro de Saúde de Vilalonga
Centro de Saúde de Vilalonga

A baixa laboral dunha médica no centro de saúde de Vilalonga ocasionou unha larga problemática en canto á atención sanitaria se refire ao non ser cuberta por outro profesional.

Segundo denuncian desde a plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo, a atención primaria no consultorio de Vilalonga "estará sen médico ao longo da semana do 5 ao 9 de decembro, polo que preto de 3.000 persoas non van ter médico para as consultas ordinarias".

Explican que "a atención sanitaria ordinaria destas persoas está a cargo dun só médico coa sobrecarga que iso supón, as axendas médicas están pechadas, e salvo novidades de última hora, van quedar no centro unha enfermeira e unha PSX; non descartamos que a enfermeira teña, algún día, un reforzo coincidindo cos días de extraccións (mércores e venres), pero isto non está asegurado a día de hoxe".

Dan por suposto que as emerxencias serán canalizadas vía 061 e que parte delas serán derivadas ao centro hospitalario de referencia ou a Baltar, onde "denegan días de libre disposición ao persoal de enfermaría por non querer substituir ao persoal de baixa, vacacións, etc".

Mentres tanto, critican, que a vindeira semana, debido "a días de libre disposición solicitados regulamentariamente polo médico presente e que, como é de dereito, foron concedidos, non vai haber ningún médico no consultorio de Vilalonga ao longo de toda a semana, polo que esta mesma semana do 5 ao 9, non serán substituidas tres enfermeiras cuxo traballo quedará a cargo das que estén e atendendo a parte das urxencias que lles deriven ao PAC".

Trátase dunha realidade que "vai máis aló dos discursos edulcorados e dos plans irreais da Consellería de Sanidade, a cal ten a obriga de buscar os recursos humanos necesarios".

Insiten en que hai médicos, pero "fan falta condicións de traballo dignas e soldos que estén á altura da situación, para os que poidan vir e para os que están a pé de cañón, sostendo a depauperada sanidade pública co seu esforzo cotidiano".