O centro de saúde de Ponte Sampaio atópase momentaneamente sen médico titular tras o traslado da anterior facultativa con praza no consultorio. O Servizo Galego de Saúde anunciou días atrás que un novo profesional garantirá a continuidade asistencial de Atención Primaria no centro, pero estes días está sen servizo.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés confirmou a incorporación dun novo facultativo de Medicina Familiar e Comunitaria procedente da resolución do actual concurso de traslados e desde este mércores a anterior titular xa se foi, pero o novo non chegou ao seu novo destino.
Pacientes deste centro de saúde explicaron a PontevedraViva que este xoves tentaron pedir cita para os próximos días, pero non puideron facelo a través da páxina web e, a través da cita telefónica indicáronlles que aínda non había doutor dispoñible para o centro.
Fuentes oficiais da área sanitaria consultadas por este xornal indicaron que o novo facultativo procede doutra área sanitaria e "ten máis días para incorporarse" en Ponte Sampaio. Non dan datas para a incorporación, pero si que aseguran que "en breve estará operativa alí".
Estas mesmas fontes engaden que os pacientes serán derivados ao ambulatorio Virxe Peregrina, o seu centro de referencia cando non hai servizo no seu, e que haberá días nos que un médico substituto prestará servizo no propio consultorio de Ponte Sampaio "ata que se incorpore finalmente" o novo titular.