O centro de saúde de Marín rematou 2023 "ao bordo do colapso" e con 22 días de agarda para atención primaria

Marín
01 de xaneiro 2024

Anuncian "novas protestas no 2024", ademais da manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o domingo 4 de febreiro en Santiago. Convidan "a que todo o mundo se sume, a que fagan reclamacións deixando constancia por escrito da situación e a que contacten coa plataforma para poder seguir a denunciar os recortes publicamente"  

Centro de Saúde de Marín
Centro de Saúde de Marín / Diego Torrado

A Plataforma pola Defensa do centro de saúde de Seixo denuncia que o centro de saúde de Marín rematou o ano 2023 "ao bordo do colapso".

Esta plataforma, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, lembra a denuncia que xa fixeron a semana pasada, cando alertaron que dos 4 pediatras que debía ter Marín, dous concursaron para trasladarse a outro lugar e dende o 21 de decembro ata o día 8 de xaneiro só hai unha profesional para atender máis de 3.500 menores.

Desta maneira, ante a presenza dunha soa pediatra, esta profesional só atende urxencias e só ata as 14 horas. A partir desa hora, as familias teñen que ir ás urxencias do PAC Marín ou directamente ao Hospital Provincial. Polo tanto, non hai citas normais para controis nin revisións ordinarias.

Ademais, denuncia que a semana pasada, entre o luns e o venres pola tarde, o centro de saúde de Marín non tivo ningún facultativo porque había un médico de baixa e déronse situacións de 22 días de agarda para ter unha cita co médico en atención primaria.

Dende a Plataforma achacan esta situación a que "non se cobren as baixas con persoal, nin tampouco as vacacións dos médicos que non as colleron todas no verán porque faltaba moito persoal". Segundo denuncian, o Sergas opta por prolongarlle a xornada aos médicos que están pola mañá en Marín ou en Seixo, pero non cobren a axenda completa.

A plataforma tamén anuncia novas protestas no 2024, ademais da manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para o domingo 4 de febreiro en Santiago de Compostela. Convidan "a que todo o mundo se sume, a que fagan reclamacións deixando constancia por escrito da situación e a que contacten coa plataforma para poder seguir a denunciar os recortes publicamente".