A dirección do Centro de menores Avelino Montero solicitará á Xunta de Galicia que dote de máis medios de protección aos vixiantes de seguridade que prestan servizo nas súas instalacións.
Esta reclamación prodúcese despois da reunión mantida o pasado venres por parte de representantes da Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión sindical Obreira (FTSP-USO) coa directora do Avelino Montero e responsables da empresa encargada da seguridade do centro.
Naquela reunión abordáronse distintas cuestións relativas á prestación do servizo de Vixilancia, entre elas as "frecuentes agresións por parte dos internos aos membros do equipo de seguridade e a escaseza de medios de protección para os mesmos", segundo informou FTSP-USO.
Estas mesmas fontes indicaron que "a dirección do centro puxo en valor a gran profesionalidade dos vixiantes de seguridade cando se producen situacións violentas, os cales antepoñen a integridade física dos coidadores e internos á súa propia".
Este sindicato trasladou a "necesidade urxente" de dotar aos vixiantes de chalecos anti trauma, así como de escudos de protección para as situacións máis comprometidas. A dirección do centro solicitará á Xunta estes medios e a empresa de seguridade farase cargo do seu pertinente homologación na Unidade de Seguridade Privada do Corpo Nacional de Policía.