O Centro de investigación forestal de Lourizán traballa en 117 parcelas repartidas por toda Galicia

Pontevedra
21 de febreiro 2021

Estas parcelas de investigación están divididas en tres grupos, segundo apoien os estudos do Centro para a mellora da xenética forestal e da silvicultura, para a conservación dos ecosistemas ou para a defensa do monte fronte aos incendios

Unha parcela na que traballa o Centro de investigación forestal de Lourizán
Unha parcela na que traballa o Centro de investigación forestal de Lourizán / Xunta de Galicia

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF), dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolve nun total de 190 hectáreas de 117 parcelas repartidas por toda a comunidade os seus estudos e traballos a prol do monte galego.

As 117 parcelas están concibidas para apoiar os avances dos tres departamentos investigadores do CIF. Así, divídense na Redelou-Mexefor, centrada na mellora da xenética forestal e da silvicultura, a Redelou-Ecofor, dedicada á conservación dos ecosistemas forestais e a Redelou-Protefor, para a protección forestal.

Así, no caso da mellora xenética, estas parcelas de investigación activas permitirán afondar nos traballos do Centro para incrementar o coñecemento sobre a variabilidade xeográfica das poboacións dalgunhas especies, co obxectivo de planificar a conservación e o uso dos seus recursos xenéticos. Tamén servirá para a obtención de materiais forestais de reprodución de alta calidade xenética, tolerantes a distintos factores e seleccionados para adaptarse a diferentes condicións climáticas ou de solo.

No referido aos ecosistemas forestais, búscase actualizar a información para mellorar o coñecemento dos distintos compoñentes dos ecosistemas naturais, estudar a adaptación e preservación dos ecosistemas forestais ao cambio climático e potenciar o coñecemento, uso racional e aproveitamento dos produtos forestais non madeireiros co propósito de conseguir un desenvolvemento sostible.

Por último, no tocante á protección forestal, o obxectivo é mellorar a planificación e mellora das técnicas e ferramentas de prevención dos lumes forestais, a mitigación do seu impacto ambiental e a restauración das áreas queimadas.

COLABORACIÓN DE DISTINTOS DEPARTAMENTOS DA XUNTA

Coa creación da Redelou, o CIF persegue compartir información con determinados departamentos da Xunta de Galicia, non só da Consellería do Medio Rural senón tamén das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de Cultura, Educación e Universidade e de Infraestruturas e Mobilidade.

Coa colaboración de todos estes departamentos, búscase non só garantir a protección destas parcelas de investigación, senón tamén realizar proxectos con intereses comúns e contribuír ao Programa de fomento da investigación, desenvolvemento e innovación forestal da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” que, entre outros, aposta pola conservación dos recursos xenéticos forestais da nosa comunidade, pola defensa do monte e pola preservación dos ecosistemas forestais.