O Centro de Investigación Forestal de Lourizán prepara unha serie de actos polo seu 75 aniversario

Pontevedra
11 de marzo 2018

Os responsables destas instalacións, que dependen de Medio Rural, están a programar diferentes actos conmemorativos cos que se pretende facer unha homenaxe a todo o persoal que pasou por el

Centro de Investigación Forestal de Lourizán
Centro de Investigación Forestal de Lourizán / Mónica Patxot

O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que depende da Consellería do Medio Rural, celebrará este ano o 75 aniversario da súa fundación. 

Con tal motivo, o centro está a programar diferentes actos conmemorativos que se celebrarán no próximo mes de xuño e cos que se pretende facer unha homenaxe a todo o persoal que pasou polo centro e, de maneira especial, aos directores que estiveron á fronte del nalgún momento da súa historia.

Unha orde do 25 de febreiro de 1943 publicada no BOE do 15 de marzo daquel ano supuxo o inicio do que entón se chamou "Centro Rexional de Ensino de Investigacións e Experiencias Forestais". O seu obxectivo era o de completar o ensino levado a cabo pola Escola Especial de Enxeñeiros de Montes e estender a acción do Instituto Forestal de Investigacións e Experiencias na zona noroeste de España.

Na orde establecíase que o centro tería por obxecto "o fomento dos ensinos forestais e a realización sobre as especies de crecemento rápido de toda sorte de experiencias e investigacións, comprendidas desde a creación de masas ata o seu aproveitamento e industrialización".

O centro de Lourizán quedou integrado no Instituto Nacional de Investigación Agraria (INIA) no ano 1973 e no 1984 foi transferido á Xunta de Galicia. As súas instalacións sitúanse nunha parcela de 52 hectáreas propiedade da Deputación de Pontevedra e cedida no ano 1943.

En anos posteriores fóronse construíndo novas edificacións para laboratorios, invernadoiros e fixéronse ademais plantacións de especies forestais ligados todos ao seu uso actual como centro de investigación. O CIF de Lourizán estrutúrase actualmente en tres departamentos (protección forestal, ecosistemas forestais e silvicultura e mellora) e nel traballan ao redor de 45 persoas.