O Centro de Investigación Forestal de Lourizán celebrou este venres o seu 75 aniversario cun acto ao que acudiu a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e no que se puxeron en valor estas instalacións, que desenvolven un traballo crucial para o desenvolvemento dos montes galegos e da súa conservación.
Nesta conmemoración quíxose ter un recoñecemento especial para as mulleres e á súa contribución á ciencia forestal a través dunha exposición dedicada a elas.
De modo simbólico no acto plantouse un exemplar de wollemia nobilis, unha rara e escasa árbore da familia das coníferas, única no seu xénero e que é considerada como un fósil vivente procedente de Australia.
Agora, tras esta plantación, Lourizán pasará a ser un dos 22 lugares únicos do mundo nos que, fóra de Australia, pode observarase esta curiosa especie cultivada. Esta árbore foi descuberta en 1994 por garda bosques nuns canóns remotos das montañas Azuis.
HISTORIA DO CENTRO
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán creouse en 1943 baixo a denominación de Centro Rexional de Ensinanzas, Investigacións e Experiencias Forestais (Creief) e situouse na granxa da Serra e Touza, situada na parroquia de Lourizán.
Durante a súa longa traxectoria, o CIF desenvolveu multitude de proxectos en moi diferentes áreas de investigación forestal, sendo un efectivo axente divulgador de ideas dinamizadoras dentro do sector. Os seus traballadores, por exemplo, tiveron un papel moi activo no inicio do asociacionismo dos propietarios forestais galegos e involucráronse desde o principio no desenvolvemento dos ensinos universitarios forestais en Galicia.
Ademais, a través das bolsas de formación de persoal investigador, foi un viveiro de investigadores e docentes que hoxe exercen o seu traballo noutras institucións dentro e fóra da nosa comunidade.
No que se refire á divulgación, o centro leva a cabo un importante traballo para dar a coñecer todos os avances tecnolóxicos obtidos na investigación do ámbito forestal, efectuando tamén cesións de material xenético. Esas transferencias de tecnoloxía foron útiles, nalgunhas ocasións, para a creación de empresas e, noutras, para a mellora dos seus procesos tecnolóxicos.
Entre os seus logros máis destacados están por exemplo o impulso á mellora xenética do piñeiro bravo, a creación de pastos de labranza mínima e a mellora xenética de especies pratenses nos anos 50, o desenvolvemento de fertilizantes forestais en pastilla nos 60, a obtención de clons de castiñeiro resistentes a enfermidades, a identificación de novas enfermidades e pragas forestais e os seus tratamentos, a valorización e o impulso ao sector micolóxico, así como o inicio da silvopascicultura e o desenvolvemento da silvicultura preventiva de incendios.
De feito, mención especial merece a súa contribución contra a lacra dos incendios, xa que axuda antes e despois á conservación e recuperación dos montes afectados. Por exemplo, a través da caracterización dos combustibles forestais de Galicia e de modelos de predición de comportamento do lume, con melloras silvícolas para a rexeneración de montes queimados, así como co desenvolvemento de novas técnicas para avaliar a severidade dos incendios e rehabilitar as áreas queimadas, entre outras.