O Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor abrirá en Semana Santa

Marín
24 de marzo 2021

O Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor estará aberto entre o 27 de marzo e o 4 de abril, coincidindo coa Semana Santa. O horario de apertura será de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas, con posibilidade de visitas guiadas. Só pechará o luns, como é costume nos museos

Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor
Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor

A concelleira de Turismo de Marín, Cristina Acuña, informa de que o Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor estará aberto entre o 27 de marzo e o 4 de abril, coincidindo coa Semana Santa. Ao remate deste período, pechará as súas portas ata a súa reapertura na tempada de verán, que se estenderá do 12 de xuño ao 12 de setembro.

O horario de apertura do centro será de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 horas, todos os días da semana, agás o luns, que permanecerá pechado, como é costume nos museos. No mesmo horario haberá visitas guiadas, tanto pola mañá como pola tarde.

Dende a Concellería de Turismo avanzan que no verán retomaranse as visitas nocturnas para os amantes da cultura arqueolóxica e "que ano tras ano son un éxito". Esta actividade levarase a cabo nos meses de xullo, agosto e setembro, en venres alternos, entre as 22.00 e as 23.00 horas, como horario de referencia, para adaptarse ás condicións de luz, e que estarán dirixidas por un arqueólogo.

Todas estas actividades realizaranse tendo en conta as restricións sanitarias derivadas da pandemia, mantendo todas as medidas de seguridade e de limitacións de aforo necesarias.

Arquivado en