O Centro de Información á Muller de Marín rexistrou 906 consultas durante 2020

Marín
16 de decembro 2020

Segundo os datos recompilados nas distintas actuacións, o perfil de usuaria do CIM de Marín é maioritariamente o dunha muller de entre 25 e 54 anos, que en moitas ocasións ten persoas dependentes ao seu cargo. Tamén destaca que a miúdo non teñen fillos e, soen proceder do ámbito urbano, aínda que tamén hai algún rexistro da zona rural

Banco pintado de morado polo CIM de Marín
Banco pintado de morado polo CIM de Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín facía público este mércores o balance das actuacións realizadas polo Centro de Información á Muller (CIM) durante o presente ano 2020.

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, informa de que, segundo os datos achegados polo propio CIM, entre o 1 de xaneiro e o 14 de decembro de 2020 atendéronse 906 consultas de todo tipo: 186 de asesoramento xurídico, 444 de atención psicolóxica e 167 de atención directa a vítimas de violencia machista, onde se inclúen tanto cuestións xurídicas como psicolóxicas e a atención derivada doutros servizos ou entidades.

Segundo os datos recompilados nas distintas actuacións, o perfil de usuaria do CIM é maioritariamente o dunha muller de entre 25 e 54 anos, que en moitas ocasións ten persoas dependentes ao seu cargo. Tamén destaca que a miúdo non teñen fillos e, sobre todo, proceden do ámbito urbano, aínda que tamén hai algún rexistro da zona rural.

O CIM de Marín cumpre un importante labor de apoio e asesoramento desde a súa sede no 2º andar da Casa principal da Finca de Briz. Este ano, ademais, o CIM puxo en marcha unha páxina web para poder consultar diferentes recursos sobre igualdade: www.cimdemarin.es.

A concelleira de Benestar Social manifestaba que este ano foi diferente pola situación sanitaria, pero que isto non impediu que se seguisen prestando servizos asistenciais con calidade e eficacia.

Por este motivo, ao facer balance do 2020, Marián Sanmartín quixo lembrar que o pasado 25-N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello decidiu outorgar os Premios Lazo Violeta a todos os departamentos e unidades de distintas administracións que están incluídas cando é preciso actuar nun caso de violencia machista, xa que o seu traballo foi moi importante durante a pandemia.