O Concello de Poio deu un novo paso para a posta en marcha dun centro de día para maiores na antiga gardería de Campelo. Nesta ocasión, aprobouse o cambio de uso da parcela das antigas instalacións.
O alcalde, Ángel Moldes, asinou a principios de ano a compra da parcela e agora, unha vez aprobado o cambio de uso, o proxecto vaise debater en comisión a vindeira semana. Logo, o asunto chegará ao Pleno da Corporación.
Levar o tema a pleno é unha esixencia urbanística que permite dedicar un equipamento público a outro uso sen modificar o PXOM. Neste caso, fará que o edificio poida destinarse a fins asistenciais e acoller este servizo tan demandado polas persoas maiores de Poio e os seus familiares.
Unha vez o cambio de uso estea aprobado polo Pleno, o alcalde anuncia que seguirán traballando co resto das administracións para achegar investimentos de cara a implantar o servizo.
A parcela, de case 2.000 metros cadrados de superficie, conta cunhas instalacións de 629 metros cadrados. O alcalde destacou que o Concello ten a oportunidade de aproveitar un equipamento sen actividade e "proporcionar un apoio esencial para as persoas maiores usuarias e as súas familias".
Ángel Moldes recordou que recursos como os centros de día supoñen "atención, agarimo, actividade e socialización para as persoas usuarias pero tamén apoio e desafogo para as súas familias". En Poio, son necesarios porque máis do 20% dos veciños teñen máis de 65 anos, e hai 1.000 veciños de máis de 80 anos, case o 6%.