O centro de Cogami en Monte Porreiro, de vacacións ata setembro

Pontevedra
05 de agosto 2024

Este centro ao que acoden a diario 18 persoas con discapacidade física pecha en agosto.  Estes 18 usuarios diarios do centro son maiores de 16 anos e proceden dos municipios de Barro, Cangas, Moraña, Poio e Pontevedra. Para atendelos, traballa en Monte Porreiro un equipo de 10 profesionais con anos de experiencia

Centro de recursos de Monte Porreiro de COGAMI
Centro de recursos de Monte Porreiro de COGAMI / COGAMI

O servizo de atención diúrna de COGAMI no barrio de Monte Porreiro tamén se toma vacacións. Este centro ao que acoden a diario 18 persoas con discapacidade física pecha en agosto e regresará no mes de setembro.  

Estes 18 usuarios diarios do centro son maiores de 16 anos e proceden dos municipios de Barro, Cangas, Moraña, Poio e Pontevedra. Para atendelos, traballa en Monte Porreiro un equipo de 10 profesionais con anos de experiencia.

O director do centro, Pablo Fonseca, explica que desde estas instalacións supoñen para as persoas con discapacidade "un importante recurso na comarca de Pontevedra". Atopan "aprendizaxe, interacción, empoderamento, diversión, acompañamento, autonomía, participación social,...".

Os usuarios teñen un plan de atención individualizado axustado ás súas necesidades e adecuado aos programas e servizos que ofrece o centro. Ademais de transporte adaptado e comedor, reciben servizos de rehabilitación que inclúen terapia ocupacional e fisioterapia.

Tamén se traballa a formación a través de cursos de informática, inglés, lectura, economía doméstica, habilidades sociais e xeografía e ofrécense talleres artesanais de coiro, teatro, pintura, musicoterapia, horta e manexo de redes sociais.

Ao longo do ano tamén se practican actividades deportivas adaptadas ás necesidades das persoas, como pádel, baloncesto, petanca e navegación a vela adaptada, ademais de realizar saídas culturais a museos, excursións, concertos, saídas á praia e visitas a localidades dos arredores.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) dispón de 5 centros de atención diúrna que prestan apoio para cubrir as necesidades das persoas con discapacidade e as súas familias, mellorando a súa autonomía e calidade de vida. Ofrece prazas de centro de atención terapéutica e ocupacional concertadas coa administración pública e tamén conta con prazas privadas.