O Centro de Arte Rupestre de Campo Lameiro rozou en 2017 a cifra de 15.000 visitantes

Umia
08 de xaneiro 2018

É o segundo ano consecutivo que pecha cun aumento de visitantes, destacando a subida do 55% no apartado de grupos organizados e un 18% máis de usuarios da súa páxina web

Visitantes no Parque Arqueolóxico da arte Rupestre de Campo Lameiro
Visitantes no Parque Arqueolóxico da arte Rupestre de Campo Lameiro / Parque Arqueolóxico da arte Rupestre de Campo Lameiro

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro pechou o ano 2017 cunha gran noticia, a consolidación do crecemento no seu número de visitantes.

En relación co ano anterior produciuse un incremento de 6,5% chegando á cifra de 14.773 usuarios, observándose unha desestacionalización das visitas ao longo do ano.

O público escolar experimentou unha subida do 4,5%, conseguindo unha cifra histórica desde a apertura do parque con 111 centros escolares diferentes no mesmo ano. No público xeral tamén se mellorou o 5,3% mentres que a través de grupos organizados achegáronse ao centro 1.512 visitantes, un 55% máis que no ano 2016.

No referido á axenda de verán, conseguiu atraer a 700 visitantes con actividades como as visitas guiadas especiais de Noitepedras, a visita guiada aproveitando a caída do sol de dúas horas de duración, coñecida pola denominación de Atardeceres, as visitas teatralizadas ou os obradoiros arqueolóxicos impartidos polos guías do parque. 

Outro dato positivo para o centro de interpretación centrouse na súa páxina web, progresando un 18% con 13.880 usuarios únicos e chegando á cifra de 5.000 seguidores na rede social Facebook.

Arquivado en