O centro asociado da UNED en Pontevedra inaugurou este martes a súa nova Aula Magna, que conta cunha superficie útil de 600 metros cadrados e pode albergar a 300 persoas aproximadamente.
Proxectada co obxectivo de poder realizar os exames do centro asociado nun único espazo, acollerá tamén diferentes relatorios e congresos. Ata agora, as probas presenciais celebrábanse en dúas ou tres salas diferentes, obrigando a multiplicar os recursos empregados. Durante a convocatoria de febreiro, pilotáronse con éxito diferentes probas no seu interior.
Ao acto acudiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o delegado do reitor da UNED para centros no estranxeiro, Pedro Gonzalo Cortiñas Vázquez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a directora do centro de Pontevedra, Beatriz Rodríguez.
Tanto Fernández Lores como Carmela Silva lembraron que esta dotación é unha realidade grazas ao empeño do anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán.
PADROADO
Tras a visita guiada ás novas instalacións, celebrouse a segunda Xunta Reitora do Padroado do curso 2015/2016.
Durante a lectura do seu Informe, a directora do Centro Asociado a UNED en Pontevedra destacou as liñas estratéxicas do sistema de Responsabilidade Social Universitaria do Centro Asociado para o ano 2016, anunciando a continuación de accións no ámbito deportivo, como a carreira pedestre Monteporreiro-Gran Premio UNED, que se celebrará o próximo 3 de abril, a aposta por novas iniciativas no ámbito da divulgación e comunicación corporativa e o inicio de accións con colectivos de risco social.
Así mesmo, a directora trasladou á Xunta o seu desexo de "equiparación dos estudantes do centro ssociado cos estudantes das universidades galegas para que poidan optar aos mesmos beneficios, de modo que teñan a mesma consideración en convocatorias promovidas por calquera dos nosos patróns".
Tras a lectura do Informe, procedeuse á aprobación da liquidación do orzamento durante o exercicio 2015, que ascendeu a 1.984.123,32 de euros, e a aprobación do orzamento para o ano 2016, que mantén as achegas realizadas en anos anteriores, que se desagregan a continuación:
- A sede central da UNED cunha subvención total de 970.835 euros
- Deputación de Pontevedra con 341.000 euros
- Concello de Pontevedra con 130.944 euros
- Xunta de Galicia con 77.304,60 euros
- ENCE: 30.000 euros
- Concello de Tui con 38.700 euros
- Concello de Vigo con 81.800 euros
- Concello de Portas con 5.000 euros
O orzamento total foi de 1.920.060 euros.