O Centro de Educación Infantil e Primaria de Marcón xa conta co seu mural do programa 'O teu cole na historia', que promove a concellería de Educación, coa idea de que o alumnado teña acceso visual a particularidades da contorna.
Esta obra foi realizada por Kike Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, cunha especial dedicación ao Entroido tradicional da parroquia de Marcón, unha festa que na actualidade atópase desaparecida pero que se quere recuperar a través de iniciativas e estudos que está a promover a Sociedade Antropolóxica Galega.
Segundo sinala o concelleiro de Educación, Tino Fernández, este traballo recolle a pedra zoomorfa de Outeiro Navío e a pedrafita de Pena Longa, nunha paisaxe da ría vista desde o alto do monte da Fracha. Ademais, na imaxe aparece un falcón peregrino, os muíños de Pintos, os petróglifos de Outeiro Redondo ou a igrexa da parroquia.
A concellería poñerá en marcha obradoiros educativos en relación coa historia que se reflicte neste mural e noutros 21 centros de estudo do municipio para que o alumnado teña coñecemento sobre o desenvolvemento dos seus centros educativos.