O CEIP Manuel Vidal Portela estrea mural de atletismo e piragüismo. Os artistas Kike Mauricio e Carlos Taboada de 'Polo Correo do Vento' foron os encargados de realizar a obra no marco do proxecto 'O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna'.
Con motivo de homenaxear estes deportes, que se realizan no espazo natural do río Lérez e o contorno da Ponte dos Tirantes, a Concellería de Educación busca que os alumnos dos colexios pontevedreses coñezan a historia dos seus centros e acaden unha maior identificación con eles.
Ao longo destes meses, a iniciativa promovida polo tenente de alcalde, Tino Fernández, tamén permitiu adornar coa pintura da memoria e a natureza os muros dos CEIP de Cabanas, Ponte Sampaio, Parada- Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, os CEP Campolongo e Marcos da Portela e a EEI de Verducido. O proxecto levarase agora aos CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo) e Santo André de Xeve e á EEI Fina Casalderrey.