O CEIP Álvarez Limeses estrea mural lembrando o fútbol e o hóckey que se xogaban antigamente nese espazo

Pontevedra
30 de novembro 2020

Polo Correo do Vento encargouse da realización deste traballo que pretende recoller a esencia do campo de herba onde xogaban o Eiriña Fútbol Club e o Alfonso XIII, precedentes do Pontevedra Club de Fútbol. Este luns, Día Internacional das Cidades Educadoras, foi presentado polo autor Carlos Taboada e o concelleiro de Educación Tino Fernández

Presentación do mural no CEIP Álvarez Limeses
Presentación do mural no CEIP Álvarez Limeses / Mónica Patxot

Este 30 de novembro é o Día Internacional das Cidades Educadoras e aproveitando esta conmemoración, o Concello de Pontevedra a través do seu tenente de alcalde e concelleiro de Educación Tino Fernández inauguraba o mural situado no patio do CEIP Álvarez Limeses.

O equipo de Polo Correo do Vento realizaba esta nova obra dentro dos proxectos de creación de murais que se desenvolve nos colexios públicos para axudar a coñecer a historia do centro e da súa contorna. 

Trátase neste caso dunha homenaxe ao mestre e escritor Gerardo Álvarez Limeses e aparecen representados os deportistas no Campo do Progreso, o espazo que se atopaba nas inmediacións desta escola e no que se practicaban deportes como o fútbol e o hóckey nos anos 30.

A xefa de estudos do centro Berta Rubiano e Tino Fernández, acompañados por Carlos Taboada, ademais de técnicos do Servizo de Educación municipal acudiron a esta presentación. O concelleiro de Deportes manifestaba que este mural recolle a singularidade do colexio. Tino Fernández lembrou que esta acción se desenvolve en 15 colexios de Infantil e Primaria do municipio. Este deseño é o terceiro realizado despois da Xunqueira I e A Xunqueira II.

Carlos Taboada explicaba que na creación utilizouse un ton sepia para ofrecer unha estética de fotografía antiga para situar a acción nos anos 30, na época da República, cando neste campo xogaban equipos como o Eiriña e o Alfonso  XIII, precedentes do Pontevedra Club de Fútbol; ademais de equipos femininos e masculinos de hóckey. Tamén a imaxe mostra as acacias de Constantinopla que adornan a rúa Joaquín Costa, os paxaros lavandeiras e edificios como o Hospital Provincial e a Comisaría de Policía. 

Tino Fernández quixo lembrar que nesta xornada celébrase o 30 aniversario da proclamación da Carta das Cidades Educadoras durante o primeiro Congreso Internacional en Barcelona. O Concello de Pontevedra sumouse á campaña de '30 anos, 30 legados' en redes sociais para lembrar a importancia da educación como motor de cambio.