Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), BNG, PSOE e Sanxenxo Pode, comparecerán este venres en rolda de prensa na Sala Nauta para informar polo miudo do acordo de goberno.
Nun comunicado os nove concelleiros que formarán o novo goberno catripartito de Sanxenxo aseguran que asumen este reto "con ilusión e co obxectivo claro de abrir o Concello aos cidadáns, con transparencia, traballo, compromiso e dedicación".
Neste escrito confirman que acordaron "dotar ao concello de Sanxenxo dun goberno único e estable, que terá como principios básicos a responsabilidade na xestión e no gasto, a simplificación administrativa, a transparencia e o diálogo, a defensa do interese público, a optimización dos recursos e a solidariedade, coa máxima lealdade entre todos os membros do goberno, sexan da mesma ou de distinta opción política, e cun programa básico común".
O compromiso de traballo acordado entre as catro formacións políticas incorpora o 80% do programa de cada un dos participantes "como mostra da ampla sintonía alcanzada" nas conversas mantidas para conformar o equipo de goberno.
O obxectivo da acción de goberno centrarase na "apertura do Concello a todos os cidadáns, rematar coa imaxe de clientelismo e corrupción que caracterizou Sanxenxo nos últimos tempos e abrir unha porta á esperanza atinada de que a igualdade de trato e oportunidades van primar na acción de goberno".
Estas catro forzas políticas sinalan que o feito de que conflúan catro formacións "favorece que o sistema de colaboración e control sexa o máis eficiente posible e que permita que o único interese que prevaleza na xestión sexa o ben común e o das persoas que viven en Sanxenxo".
Como compromisos adiantan que o novo goberno "fuxirá de obras faraónicas" para centrar a súa actuación naqueles temas e cuestións "que preocupan aos cidadáns" facendo de Sanxenxo "un lugar excelente para vivir non só en verán senón ao longo de todo o ano". A atención á zona urbana e rural serán "prioridades" do novo equipo de goberno que busca a participación cidadá, a implicación do veciño na solución colectiva dos problemas que afectan á súa parroquia, ao seu barrio, ao seu municipio e onde aseguran, "se verá un novo estilo de facer política máis próxima ao cidadán, sen arrogancia, amiguismos, nin clientelismo".
Finalmente, engaden a súa decisión de poñer en marcha sinerxías para harmonizar a convivencia entre o Sanxenxo turístico e o residente "co fin de que ninguén se sinta desatendido e menosprezado coa acción de goberno".
CATALINA GONZÁLEZ
Ao igual que fixo nas últimas horas o presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, a alcaldesa en funcións de Sanxenxo, Catalina González non dá por feito que este catripartito goberne.
"Eu creo que ata que se celebre o pleno o próximo sábado día 13 ás doce da mañá non se poden facer valoracións de se van ser catro, dous ou un", dixo este xoves Catalina González.
"Eu coñezo de primeira man a capacidade negociadora de Telmo Martín e polo tanto non descarto que sexa capaz de pechar un goberno de aquí ao sábado", rematou.