O castelo de Soutomaior programa actos da camelia con visitas guiadas e degustacións de té

Soutomaior
02 de febreiro 2024

A programación dos actos da camelia no castelo de Soutomaior se levará a cabo nos meses de febreiro e marzo e consta de visitas guiadas para o público xera e escolar, obradoiros de debuxo e degustacións de té de camelia

Camelia en flor
Camelia en flor / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu a coñecer este venres a programación dos actos da camelia no Castelo de Soutomaior que se levará a cabo nos meses de febreiro e marzo e que consta de visitas guiadas para o público xeral e escolar, obradoiros de debuxo e degustacións de té de camelia. 

O presidente provincial animou á cidadanía a que se achegue neste final do inverno ao castelo de Soutomaior "a desfrutar do espectáculo das camelias".

As visitas guiadas para o público xeral teñen un prezo de tres euros por persoa, unha duración de sesenta minutos e levaranse a cabo todos os martes e xoves en horario de tarde ata o 26 de marzo.

Mentres que as visitas para escolares son gratuítas e terán lugar na quenda de mañá todos os martes e venres ata o 22 de marzo. En ambos os dous casos, as visitas estarán dirixidas por persoal do castelo, que centrarán o percorrido na floración da camelia, a evolución desta especie e a súa relación coa provincia de Pontevedra.

Os obradoiros de debuxo nos que se representan as camelias empregando as técnicas artísticas de pintores locais como Maruja Mallo, Seoane, Jose Frau ou María Antonia Dans están fixados para o 11 e 18 de febreiro, así como para o 10, 17, 24 e 31 de marzo. Estas actividades están pensadas para familias con fillos maiores de tres anos, o prezo é de 8 euros e o aforo máximo, de 30 persoas. 

No caso das degustacións de té de camelia, están previstas para os días 23 de febreiro e 22 de marzo, cun aforo máximo de 25 persoas, un prezo de 8 euros e unha duración aproximada de dúas horas. A actividade consistirá nunha visita guiada polos xardíns e o castelo prestando especial atención ás camelias e, despois, unha degustación conducida por Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, para coñecer o cultivo e a preparación do té de camelia.

Como é habitual, para participar en calquera destas actividades, as persoas interesadas deben solicitar cita previa e mercar a entrada a través da páxina web oficial do castelo de Soutomaior, www.castelodesoutomaior.com