O castelo de Soutomaior presenta tres novas rutas de sendeirismo

Pontevedra
15 de febreiro 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra visitou a finca tras a súa apertura, despois de que o persoal da institución provincial conseguise reparar os danos. Estiman en preto de cen mil euros os estragos causados polo temporal

Danos causados polo temporal no Castelo de Soutomaior
Danos causados polo temporal no Castelo de Soutomaior / Deputación de Pontevedra

O castelo de Soutomaior volveu abrir as súas portas despois de que o persoal do servizo de Medio Ambiente da Deputación conseguise reparar os danos provocados por mor da climatoloxía adversa sufrida na provincia a pasada semana, durante a que se decretaron as alertas vermella e laranxa.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo unha avaliación dos danos que sufriu o complexo, os cales estimou "en arredor de 100.000 euros para facer fronte á reposición da situación". Esa cantidade vaise dedicar "a repoñer as árbores, os camiños, o mobiliario e os muros que foron afectados".

Entre outros danos tanto o mobiliario como a estrutura da finca quedaron afectados, chegándose a perder a corrente eléctrica das instalacións, tamén foi raxado o plástico que recobre o invernadoiro e o recinto quedou intransitable por mor das numerosas árbores que caeron e tamén polas pólas que quedaron suspendidas con risco de caída.

No complexo de Soutomaior perdéronse unhas 20 árbores.

NOVAS RUTAS DE SENDEIRISMO

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e do deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, aproveitaron a súa visita para presentar tres novas rutas de sendeirismo creadas no castelo de Soutomaior ao abeiro do Plan de Usos do edificio.

Abranguen preto de cinco quilómetros de percorrido. A ruta das camelias ten 900 metros de distancia e discorre arredor do castelo, comezando na escalinata de acceso ao parque e bordeando as edificacións da fortificación a carón das que se sitúan exemplares de camelias do século XIX e árbores singulares de Galicia como a sequoia, o falso ciprés de Lawson, un cedro xaponés e unha araucaria chilena.

Os outros dous roteiros circulares son a "ruta da Fraga" e a "ruta dos viñedos". A primeira delas ten un percorrido de 2,1 quilómetros que atravesan dende un pequeno regato ata lugares como a capela de San Caetano, a cadeira da Raíña e bosques de castiñeiros e carballos. A segunda delas, cunha distancia de 1,9 quilómetros, permite ás persoas interesadas visitar as 3,5 hectáreas de viñedos Rías Baixas que existen no parque do castelo.