Nunha asemblea extraordinaria os veciños de Xesta, na Lama, aprobaron por unanimidade a negociación dun convenio coa Asociación Déficit de Atención Hiperactividade Pontevedra (ADAHPO) para rehabilitar o Casino dos Prados.
O Casino é unha nave situada no medio da Carballeira de Xesta, cunha superficie de mil metros cadrados e habilitada con baños, cociña integral e amplos salóns de traballo.
ÿ un símbolo para moitos veciños de Xesta, pois foi construído con fondos da emigración, " froito de moito sacrificio, de moito traballo e esforzo, e de moitas bágoas derramadas por vivir cabalo de dous países sempre despedíndose uns dos outros", afirmou Enrique Vaqueiro, presidente da asociación de veciños e responsable de negociar o contrato con ADAHPO.
Este inmoble está practicamente en desuso, polo que os veciños buscaban o xeito de conservalo.
Na asemblea foi clave a intervención do vogal da Comunidade de Montes, Eladio Boullosa que defendeu a negociación do convenio por ser unha boa causa que repercutirá positivamente no pobo, tendo en conta ademais que van arranxar un edificio que case non usan.
Esta semana redactarase o borrador de contrato que contemplará entre outras cuestións, o cambio de cuberta da nave, a adecuación dos baños para habilitar duchas e pavillóns con dormitorios, a duración do contrato, e as compatibilidades de uso entre ADAHPO e a Asociación de Veciños para comidas parroquiais e as festas do 24 de xuño e o 12 de agosto.