O carril bici da Avenida de Bos Aires será arranxado a partir do mércores

Pontevedra
15 de novembro 2020

O mal estado do carril bici da Avenida de Bos Aires, entre a Ponte dos Tirantes e a praia fluvial do Lérez, ten os seus días contados. A partir do mércores vanse a realizar traballos para mellorar o firme e solucionar os estragos que ten na actualidade

Estragos no carril bici do Lérez
Estragos no carril bici do Lérez / Ciudadanos Pontevedra

O mal estado do carril bici da Avenida de Bos Aires, entre a Ponte dos Tirantes e a praia fluvial do Lérez, ten os seus días contados. A partir do mércores vanse a realizar traballos para mellorar o firme e solucionar os estragos que ten na actualidade.

As obras van encamiñadas a resolver os estragos ocasionados polas filtracións e acumulación de auga, así como o deterioro derivado do seu uso continuado.

Ademais da reposición de firme, tamén se realizarán tarefas de drenaxe.

A intervención realizarase nun tramo de 600 metros e está coordinada entre os departamentos municipais de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos e Parques e Xardíns.

Esta obra, xunto coa reposición da capa de rodadura en tres localizacións pendentes, a glorieta Doce de Novembro coa rúa Teixoeira, a rúa Eduardo Pondal e o cruzamento entre a praza de Barcelos con Perfecto Feijóo, serán as últimas deste tipo que se fagan este ano.

O equipo de mantemento que se ocupará do reacondicionamento do carril bici na avenida Bos Aires está nestes momentos rematando a súa parte das obras na rúa Médico Ballina.

Nela, estanse a rehabilitar os circuítos peonís, se están a crear prazas de aparcamento de servizos e colocarase mobiliario urbano accesible nas zonas de esparexemento e descanso.