O sistema penitenciario español enfróntase á primeira folga xeral da súa historia. E o cárcere da Lama tamén se sumará a ela, segundo confirmaron os sindicatos convocantes, Acaip, CCOO, CIG, UXT e CSIF.
A folga será os días 24 e 26 de outubro e terá continuidade no mes de novembro con catro xornadas máis, os días 6, 8, 13 e 15.
Os sindicatos adoptan esta medida ante o que consideran unha "clara provocación" e unha "falta de respecto" do Ministerio do Interior na negociación das súas condicións laborais.
Reiteran que o persoal dos cárceres españois non pode contribuír á reinserción dos presos nas condicións actuais do persoal.
Os representantes sindicais explican que os traballadores están "mal retribuídos", con grandes diferenzas salariais na mesma categoría, cun persoal envellecido con medias de idade por encima dos 55 anos e con máis de 3.400 prazas orzadas e sen cubrir.
No caso da Lama, engaden os sindicatos, hai máis de 50 prazas de contacto directo cos internos que non están cubertas, ao que se suma o déficit de persoal en todos os ámbitos profesionais da prisión.
Os sindicatos reclaman acabar coa brecha salarial en prisións, unha homologación dos niveis mínimos aos aplicados noutros departamentos da Administración Xeral do Estado e que ao persoal do corpo de axudantes lles sexa recoñecida o seu nivel de especialización e esixencias incorporándoos ao grupo B de clasificación dos funcionarios.
Os sindicatos manifestan que o apoio á folga xa foi ratificado persoalmente polo 85% do persoal da Lama que se adheriron ao manifesto sindical, o que garante de antemán un gran éxito de seguimento da primeira folga nas prisións españolas.