O centro penitenciario da Lama volveu á normalidade horas despois de que se vira obrigado a activar o protocolo de alerta biolóxica, tras detectarse o enviou á prisión dun sobre sospeitoso en cuxo interior había pos de cor branca.
Fontes oficiais da Garda Civil, que tamén puxo en marcha o protocolo especial de seguridade ante casos de Defensa Nuclear, Radiolóxica, Biolóxica e Química (NRBQ), confirmaron que foi o propio persoal do centro penal o que detectou o sobre sospeitoso e deu a alerta. Foi sobre as 12.45 horas deste mércores na oficina postal da prisión.
Desde Instituciones Penitenciarias explicaron que o nome dun home árabe ía como remitente da misiva, dirixida ao director da prisión, José Ángel Vázquez.
Trátase dunha carta que xa nun primeiro momento non pasou o dispositivo de seguridade. O persoal penal abriu o sobre e descubriu que no interior había unha substancia con po de cor branca, de modo que actuou seguindo o protocolo establecido para estes casos, que supón simultaneamente activar a alerta biolóxica, alertar ás forzas e corpos de seguridade do Estado e restrinxir o acceso á zona na que se detecta o incidente, neste caso, a área de oficinas.
En concreto, procedeuse a illar aos traballadores que abriron o sobre e ninguén puido nin entrar nin saír desa zona en concreto do penal. Eses dous funcionarios puideron abandonar o centro, tras as medidas preventivas tomadas pola súa saúde.
A Garda Civil enviou ao centro penal a especialistas NRBQ, que levaron unha mostra do po que contiña o sobre. O envoltorio, precintado, quedou depositado na sala da xunta de goberno. A estancia será descontaminada mañá xoves por un equipo chegado de Madrid, que se fará cargo do sobre e do seu contido.
Esta non é a primeira vez que se vive unha situación similar na Lama. En febreiro do ano 2015 xa se detectou un sobre dirixido ao director da prisión cunha substancia en pó de cor branca que obrigou a activar o protocolo anticontaminación. As probas de toxicidade realizadas ao material que se atopaba no sobre naquel momento deran resultado negativo.