O carballo de Santa Margarida sae da UCI

Pontevedra
30 de xaneiro 2018

Tras seis meses de tratamentos, o Concello de Pontevedra rematou este martes os traballos programados para mellorar a calidade de vida do centenario carballo de Santa Margarida. A partir de agora, vixiarase de preto para comprobar a súa evolución

Traballos de conservación do carballo de Santa Margarida
Traballos de conservación do carballo de Santa Margarida / Mónica Patxot

Tras seis meses de tratamentos, o Concello de Pontevedra rematou este martes os traballos programados para mellorar a calidade de vida do centenario carballo de Santa Margarida. A partir de agora, vixiarase de preto para comprobar a súa evolución.

A última actuación consistiu en apontoar dúas das súas pólas. O sistema aplicado consistiu na disposición, baixo un punto escollido para cada rama, dun puntal de aceiro macizo articulado. Ten unha rótula na súa base e un coxín de caucho baixo a rama que, xunto cunha cincha de amarre, envolve a rama para evitar a caída do puntal coa forza do vento.

Estes puntuais nacen de sendas zapatas sen que o seu encofrado afecte ás raíces da árbore. 

Sobre as ramas apuntaladas, unha delas crece cara a estrada e a outra crece en dirección ao centro da cidade. Ambas teñen problemas de conservación por ataques de fungos ou insectos xa tratados, e tamén por perdas importantes derivadas de roturas ou outros danos anteriores. 

Esta é a última fase de actuación no carballo de Santa Margarida acordada polo Concello e a Deputación o pasado mes de agosto, despois da caída dunha póla de 200 quilos e logo da avaliación realizada pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro da árbore senlleira.

Ata o de agora fixérase unha poda sanitaria para descargar a árbore. Tamén se realizou un tratamento biolóxico contra os insectos xilófagos e o pasado setembro se fixeron labores de osixenación das raíces da árbore que están tapadas por asfalto.

En todo este proceso, o Concello contou co apoio do departamento de medio ambiente da Xunta de Galicia que autorizou estas intervencións. Agora, os técnicos farán supervisións periódicas da árbore para ver como evoluciona tras todos estes traballos.