Este luns apareceu caída una póla do carballo de Santa Margarida. Segundo informaron dende a Comunidade de Montes de Mourente a caída tería ocorrido de noite. Era una póla seca, que aínda así pesará uns 200 quilos. Caeu á beira da capela nun momento en que non había ninguén, polo que non houbo danos nin nas persoas nin materiais. Unha sorte.
A perda desta póla vén a desequilibrar aínda máis a centenaria árbore, acentuando aínda máis o peso da póla que está sobre a estrada. Nos últimos meses esta póla está escorándose sobre a vía pública, provocando que os camións altos tropecen con ela o que incrementa o risco de desequilibrio e o desplome.
A proba deste proceso que se vai acelerando nas últimas semanas está na presión do tronco que está sacando do seu sitio as primeiras pedras do banco que hai baixo o carballo. E as raíces seguen pudrindo debaixo do alquitrán que ten o carballo arredor.
Os comuneiros sinalan que mentres todo isto acontece "as administracións públicas permanecen indiferentes e a desidia é xeralizada".
Hai uns meses, o goberno municipal presentou un proxecto de medidas urxentes que incluían iniciativas para retirar o asfalto e corrixir o desequilibrio do carballo apuntalando a póla que vén enriba da estrada. Pero a Xunta de Galicia (tanto os departamentos de Medio Ambiente como o de Patrimonio) seguen sen dar o permiso pertinente para realizar esta actuación. E despois debe autorizalo tamén o arcebispado, propietario actual do terreo. "Todas as administracións encheron a boca con boas intencións, pero de momento o único que está a facer algo é o Concello", din os veciños.
A indignación entre a veciñanza é enorme. Tanta que xa se está a falar de mobilización para o vindeiro domingo, día da celebración da festividade de Santa Margarida.