Xa o intentou en 2017 e, tras quedar na terceira posición, volve a probar sorte. O carballo de Santa Margarida é unha das nove árbores do Estado español que compiten por representar a España na elección da Árbore Europea do Ano 2023.
As votacións para elixir o candidato nacional ábrense este xoves 10 de novembro e poderase participar ata o próximo 10 de decembro. Será a través de https://www.xn--arbolybosquedelao-uxb.es/.
O carballo de Santa Margarida, duns dezaoito metros de altura e 500 anos de antigüidade, foi testemuña viva da historia e das tradicións da cidade de Pontevedra durante todo ese tempo, converténdose na árbore máis lonxeva do municipio.
Constitúe un símbolo por si mesmo. Foi e é fonte de inspiración de artistas, ademais de protagonizarse baixo a súa sombra innumerables acontecementos históricos.
A árbore pontevedresa pelexará por seren a candidata española contra oito exemplares de Biar (Alacante), Boqueixón (A Coruña), Colindres (Cantabria), Vilaflor de Chasna (Tenerife), Los Santos (Salamanca), El Rasillo (A Rioxa), Villoviado (Burgos) e Cornellana (Asturias).
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, amosou a súa "absoluta satisfacción" tras coñecer que o centenario carballo, "símbolo, patrimonio e orgullo de Santa Margarida e de Pontevedra", foi elixido como candidato.
"A pesar dos 'achaques' da idade e das recentes podas de emerxencia que se lle fixeron para aliviar os problemas de sobrepeso nas súas pólas, a súa beleza e incalculable valor material e inmaterial convérteno nun exemplar absolutamente merecedor deste galardón", sostén.
Esta candidatura foi posible grazas á asociación Sentir do Carballo de Santa Margarida, tras dous anos de traballo, e forma parte das accións encamiñadas a visibilizar e poñer en valor o histórico carballo, un dos exemplares icónicos do patrimonio natural de Pontevedra e Galicia.
Así, a árbore leva sendo o elemento central dun proxecto participativo, sostible e circular denominado Escrita con Zume, en colaboración co IES Luís Seoane, mediante un conxunto de actividades dentro e fóra das aulas ou coas disciplinas máis variadas.
Dramatizacións, música, plástica, ciencia e experimentación, artesanía, novas tecnoloxías, historia, literatura e caligrafía son algunhas das actividades que se impulsaron.