O Carballo de Santa Margarida, nas mans dos 'doutores' do Areeiro

Pontevedra
26 de outubro 2020

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural púxose en contacto coa Estación Fitopatolóxica para coordinar unha intervención que permita atallar a praga de fungos que ameaza a vida desta árbore de Mourente. Iván Puentes avanza que farán todo o que estea nas súas mans “para devolver a saúde e conservar en boas condicións este exemplar"  

Traballos de conservación do carballo de Santa Margarida
Traballos de conservación do carballo de Santa Margarida / Mónica Patxot

O Carballo de Santa Margarida está xa en mans dos especialistas da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro referente para o estudo de pragas, co fin de atallar a praga de fungos que ameaza a súa supervivencia

Despois de que durante esta fin de semana a Comunidade de Montes de Mourente denunciara a situación na que se atopa esta árbore senlleira, na mañá deste luns o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, púxose en contacto coa Estación Fitopatolóxica para coordinar unha intervención. 

O responsable de Medio Natural  insiste en que é "evidente" que o Carballo de Santa Margarida comeza a presentar "achaques da idade" e, probablemente, estes fungos non serían tan preocupantes cunha árbore máis nova, por iso é polo que van realizar unha vixilancia permanente e científica e acaban de poñer o Carballo nas mans dos "mellores ‘doutores’ posibles", os expertos da Estación Fitopatolóxica.

Puentes comprometeuse cos comuneiros a que tanto o Concello como O Areeiro actuarán "coa maior dilixencia posible" e farán todo o que estea nas súas mans "para devolver a saúde e conservar en boas condicións" o Carballo, un símbolo de Pontevedra. 

Así, avanzou que se realizará unha avaliación previa do estado de saúde do Carballo para coñecer a gravidade do fungo detectado e a posible presenza doutros que se poidan atopar nas raíces e estudaranse os posibles tratamentos e actuacións

A Estación Fitopatolóxica xa traballou no pasado con este Carballo, realizando unha operación de sostén da árbore mediante a instalación de apoios para evitar que continuase inclinándose e tamén un ‘aireado’ no asfalto, abrindo unha serie de ocos e incorporando area para permeabilizar o intercambio gaseoso nas raíces.