O 'cara a cara' entre Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Núñez Feijóo, en Pontevedra

Pontevedra
16 de xullo 2019

O edificio administrativo da Xunta en Campolongo é o espazo elixido para este encontro bilateral no que o alcalde de Pontevedra e o presidente galego analizarán o estado de obras en marcha na cidade ou asuntos relacionados coa administración autonómica

Fernández Lores e Núñez Feijóo
Fernández Lores e Núñez Feijóo / Mónica Patxot

O 'cara a cara' entre Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Núñez Feijóo será finalmente en Pontevedra. O edificio administrativo da Xunta en Campolongo é o espazo elixido para este encontro bilateral no que o alcalde de Pontevedra e o presidente galego analizarán o estado de obras en marcha na cidade ou asuntos relacionados coa administración autonómica.

Esta entrevista celebrarase este mércores 17 de xullo, a partir das once da mañá.

Esta reunión está enmarcada dentro dos encontros que o alcalde solicitou e solicitará ás distintas administracións logo de ser nomeado o pasado 15 de xuño, para impulsar e facer seguimento dos proxectos que desenvolven ou que teñen en carteira en Pontevedra.

A primeira solicitude de reunión foi ao presidente da Xunta, por ser a única institución que, daquela, estaba constituída, pero continuarán no caso da Deputación e do Goberno central.

Entre os asuntos a tratar, segundo adianta o Concello, están a variante de Alba, a estación intermodal, a senda do Gafos ata pasado o nó do Marco, o Gran Montecelo, o transporte metropolitano e urbano ou a residencia terceira idade.

Ademais, Fernández Lores e Núñez Feijóo falarán do futuro pavillón de ximnasia da Parda, da desafectación das parcelas da Xunta na Xunqueira da Gándara, da EDAR dos Praceres, do dragaxe da ría, do arranxo da estrada Pontevedra-Vilagarcía, do traslado e mellora da dotación do Punto de Encontro Familiar ou do edificio xudicial.