O científico Mariano Barbacid, doutor Honoris Causa pola UNED, foi a personalidade encargada este ano de abrir o novo curso 2023-24 no Centro da UNED de Pontevedra en Monte Porreiro.
No seu relatorio analizou os grandes avances na oncoloxía durante o presente século. Tratou a enfermidade desde a perspectiva da prevención, detección temperá e mellores técnicas diagnósticas, cirúrxicas e de definición de imaxe.
Explicou que o cancro se pode previr pero non evitar debido á mutación accidental das células, un efecto que non se pode impedir. Con todo, sinalou que para evitar esa mutación se deben evitar riscos como a exposición a axentes carcinogénicos e, en concreto, o científico centrouse no tabaco como un dos males evitables. Engadiu, neste sentido, que se a sociedade deixase de fumar a incidencia do cancro quedaría reducida á metade.
O acto estivo presidido por Ricardo Mairal, reitor magnífico da UNED, nun evento no que se celebraba o cincuenta aniversario da fundación desta institución de ensino superior en Pontevedra.
Luis López, presidente da Deputación; Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións, ademais de rexedores de distintos municipios da provincia que contan con aulas universitarias do Centro Asociado da UNED de Pontevedra, asistían a este acto.
O subidrector Económico da UNED, Alfonso Vázquez, tamén interveu para expoñer as actuacións do centro educativo ao longo deste ano dando paso a un vídeo resumen da efeméride.
Por último, Víctor M. González Sánchez, director da UNED de Pontevedra e do Campus Noroeste, agradeceu a intervención de Mariano Barbacid e felicitou aos estudantes egresados polo título alcanzado. A continuacioón realizouse a entrega de diplomas.
O acto concluíu coa degustación de torta para celebrar o aniversario.