O campus de Pontevedra quedou pequeno para as súas necesidades actuais. Os responsables da Universidade de Vigo entenden que é preciso unha "certa ampliación" das súas instalacións e miran cara o seu espazo natural: a parcela destinada ao Edificio das Artes en Tafisa.
Así o recoñeceu o reitor da universidade, Manuel Reigosa, na primeira sesión do Consello do Campus que se celebra neste novo curso escolar.
Non obstante, esta necesidade de espazos non chega na mellor época. "Agora non é o momento de buscar cartos para o ladrillo", explica o reitor, que está convencido de que "o futuro do campus de Pontevedra pasa por esa ampliación".
Expandirse cara á outra beira do río, segundo Reigosa, serviría para fortalecer a "ligazón" coa cidade, porque destacou que "Belas Artes vese xa como unha facultade integrada na cidade, pero creo que hai un certo desvencellamento das titulacións que están do outro lado do río".
Ante esta situación o futuro grao en Deseño e Creación que, no ámbito da súa tramitación. "está seguindo seu camiño" para implantarse no curso 2021-2022, "probablemente" terá que emprazarse no edificio da Xunta en Benito Corbal, polo menos de xeito temporal.
Iso si, a habilitación do espazo designado á universidade neste inmoble, apuntou o reitor, pasou por "distintos problemas burocráticos" que non permitiu completalo ata o de agora.
Como retos de futuro do campus, Manuel Reigosa apuntou á busca de novos mestrados, un ámbito no que "podemos traballar bastante", á creación de programas conxuntos de educación oficial ou ao impulso de graos abertos.
Ademais, o responsable educativo destacou a necesidade de "insistir moito" na captación de alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal, algo que segundo avanzou "non debería interferir" na busca de novas titulacións "que teñen que ir nas liñas nas que o campus é moi potente".
A este respecto, o Consello do Campus revisou unha análise que mostra que a capacidade de atraer alumnos é un dos "puntos fortes" do campus pontevedrés, ao igual que a súa "boa posición" no referido á distancia coa cidade e as posibilidades de crecemento.
Pola contra, esta avaliación alerta que as facultades do campus teñen unha produción científica menor á que lle correspondería por número de alumnos e de profesores, aínda que entende que podería existir unha "certa disfunción" que ten que ver co tipo de titulacións.
757 ESTUDANTES DE NOVO INGRESO
Á falta da incorporación do alumnado que realizou a ABAU en setembro, o campus de Pontevedra ten, segundo a Universidade de Vigo, unha taxa de ocupación "altísima".
As facultades e escolas do campus contan con 757 estudantes de novo ingreso, o que supón un 106% das prazas ofertadas. No referido aos mestrados, onde o campus ten unha oferta "pequena pero moi atractiva", recordou o reitor, cubríronse 255 das 273 prazas ofertadas, o que supón unha taxa de ocupación do 93%.