O campus de Pontevedra organiza o I Congreso Internacional de Creatividade, que se desenvolverá o 4 e 5 de novembro na Casa das Campás e que virará ao redor dos catro eixos do proxecto de especialización Campus Crea: as súas conexións coa comunicación, o deseño, a arte e a educación.
Este congreso foi presentado este xoves por parte da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez e Juan Manuel Corbarcho, codirector deste congreso xunto co tamén profesor da Facultade de Comunicación Jesús Pérez Soeane.
Este evento pretende "situar a Pontevedra como cidade creativa de referencia" e exercer "como motor da investigación ao redor da creatividade" apuntou a vicerreitora.
Lantarón explicou que este congreso combinará no seu programa as conferencias de profesionais e académicos coa presentación de investigacións.
"Para nós é prioritario estar ao carón das institucións educativas da nosa provincia, como a Universidade de Vigo, que tanto nos referencia", manifestou o vicepresidente da Deputación, que lembrou que a institución principal achega 55.000 euros para a especialización do Campus CREA.
Jose Manuel Corbacho lembrou que "en Pontevedra dáse un ecosistema único de formación, investigación e transferencia ao redor da creatividade, que hai que poñer en valor".
A conferencia inaugural estará centrada en "creatividade e educación" e correrá a cargo do profesor da Universidade de Murcia Francisco Javier Corbalán, mentres que o relatorio sobre a "creatividade e deseño" terá como protagonista ao deseñador Javier Jaén, que traballou como ilustrador editorial para publicacións como The New York Times, Time, National Geographic ou The New Yorker.
A primeira xornada do congreso pecharase coa proxección do documental ‘Amagi, o retorno da creatividade’, do graduado da Facultade de Belas Artes Adán Argibay, e cun concerto no Teatro Principal da big band do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso.
O 5 de novembro terán lugar as mesas que conectarán "a creatividade coa arte" que incluirá a conferencia do catedrático da Universidade de Granada Ricardo Marín, e "a creatividade e a comunicación" que contará coas publicistas Mónica Mouro e Raquel Martínez, fundadoras da axencia ‘This is libre’, que atesouran máis de mil premios en concursos de publicidade, nacionais e internacionais.
Nesta segunda xornada, o congreso acollerá tamén a proxección do documental ‘Échale huevos’, da graduada da Facultade de Comunicación Laura Pintos, que participará tamén nun coloquio sobre "creatividade transformadora" xunto con Iria Otero e Andrea Gonçalves, responsables das axencias Peaky Branders e Tío Phil, respectivamente. Nesta xornada celebrarase tamén a entrega de premios ás mellores comunicacións do congreso.