Entre o martes 19 e o xoves 21 de setembro, coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, a Universidade de Vigo iniciará en Pontevedra a implantación do terceiro plan de acción do Green Campus que inclúe 54 medidas como a optimización do consumo de auga e enerxía e a redución na xeración de residuos.
Entre estas medidas está a posta en marcha nas próximas semanas dun sistema de préstamo das 14 bicicletas doadas polo Concello á institución académica. Calquera membro da comunidade universitaria poderá facer uso das bicicletas de forma gratuíta, previo depósito dunha fianza de 30 euros.
Ademáis o campus vai continuar coa implantación do gas natural na Escola de Enxeñería Forestal, completando así, á falta da escola infantil, a substitución de gasóleo.
Entre luns e venres, pecharase ao tráfico o treito do carril central que comprende do aparcamento situado á dereita de Ciencias Sociais e da Comunicación e a rotonda situada fronte a Ciencias da Educación e do Deporte. E entre martes e xoves, en horario de 13.00 a 16.00 horas, desenvolveranse unha serie de actividades que sirven como mostra do uso que se lle pode dar a un espazo coma este cando non hai coches.
Haberá actividades como un circuíto con medios de transporte sostibles, a realización dun mural con material de refugallo, unha sesión de actividade física ao aire libre e casetas informativas sobre seguridade viaria, voluntariado e ocio nocturno.
Nos eixos do plan de acción do Green Campus figuran tamén a biodiversidade, reforestación e axeitamento de zonas verde, así como o fomento da compra verde, o comercio xusto e o consumo responsable.