Despois que as lapas, que nas últimas horas ameazaron o campus de Vigo, se achegasen a tan só 400 metros dos terreos sobre os que se asenta a institución académica, a Universidade de Vigo recuperou este martes as clases, suspendidas trala decisión adoptada polo equipo de Goberno na tarde do domingo.
A proximidade das lapas, que na tarde de onte afectaron ao Galiñeiro, Zamáns e á avenida Clara Campoamor sumada á incerteza da súa evolución por mor do vento, levaron ao rectorado a acordar a evacuación do campus de Vigo e moi especialmente á da residencia de estudantes, ocupada nese intre por uns 65 alumnos, que foron trasladados nun autobús municipal a un hotel do centro de Vigo.
"O campus de Vigo, dentro da desgracia que nos rodeou, tivo sorte de non verse afectado. É certo que as infraestruturas estiveron en risco nalgún intre porque as lapas se achegaron preto, pero a realidade é que o campus librou bastante ben. Aquí a situación non foi tan dramática se se compara co que estaba a pasar noutros sitios", explica o xerente, Manuel Fernández Jáuregui, que confirma a volta á normalidade no campus desde primeira hora da mañá, coa apertura de todos os centros nos horarios habituais.