O campus de Pontevedra recupera a vida coa volta do alumnado

Pontevedra
09 de setembro 2024

Centos de estudantes de novo ingreso cruzaron por vez primeira as portas das facultades nas que durante os próximos anos cursarán as titulacións para as que se matricularon nalgunha das 770 prazas que a Universidade ofertou na cidade do Lérez para o curso 2024/2025

Acto de benvida para o alumnado da modalidade presencial do Grao en Dirección e Xestión Pública
Acto de benvida para o alumnado da modalidade presencial do Grao en Dirección e Xestión Pública / Universidade de Vigo

O alumnado regresou este luns ás aulas do campus de Pontevedra. 

Centos de estudantes de novo ingreso cruzaron por vez primeira as portas das facultades nas que durante os próximos anos cursarán as titulacións para as que se matricularon nalgunha das 770 prazas que a Universidade ofertou na cidade do Lérez para o curso 2024/2025. 

O campus de Pontevedra é o que ten a taxa de matriculación máis elevada da Uvigo cun 106,23%. 

Comezou hoxe un curso no que o período lectivo desenvolverase en dous cuadrimestres comprendidos entre o 9 de setembro e o 24 de xaneiro e entre o 27 de xaneiro e o 6 de xuño. 

A actividade académica parará entre o 21 de decembro e o 7 de xaneiro e entre o 14 e o 21 de abril, tendo ademais carácter festivo o 28 de xaneiro, co gallo da celebración de San Tomé, así como o 3 e o 4 de marzo por mor do entroido. Así mesmo, cada centro terá a súa propia xornada festiva, para celebrar cadanseu patrón ou patroa. 

Para a vicerreitora Eva María Lantarón o curso arranca co obxectivo de continuar avanzando no proxecto de especialización Campus Crea. 

Nese senso, a vicerreitora explica que, a raíz de recentes modificacións regulamentarias, está previsto "manter reunións coa Xunta de Galicia, para ver como nos afectarían e direccionar as nosas vías de traballo cara o obxectivo de conseguir a súa acreditación o antes posible". 

Ao mesmo tempo, Lantarón destacaba tamén o positivo inicio do curso en termos de alumnado de novo ingreso no campus, despois de que todas as titulacións cubrisen as súas prazas ata acadar un 106% de ocupación e 818 estudantes matriculados. A única excepción: Enxeñaría Forestal, "na que se vai continuar coas actividades de promoción e difusión para conseguir unha maior captación, xa que a matrícula non é acorde coas saídas profesionais e a elevada inserción laboral que ten o título", asegura a vicerreitora.