Do 22 ao 26 de abril o campus de Pontevedra organiza a Semana da Creatividade con propostas abertas ao público ao redor do conxunto de temáticas conectadas coas principais liñas do proxecto de especialización Campus Crea.
Do impacto da intelixencia artificial nos labores creativos ao proceso de invención dunha lingua, pasando polo deseño de carteis para cine, a creatividade na moda ou as conexións entre arqueoloxía e videoxogos, son algúns dos temas que centran a Semana da Creatividade 2024.
Preto de 15 actividades, entre as que figuran xornadas, coloquios, obradoiros, exposicións, concursos ou actuacións, integran un programa con entrada libre e abertas ao conxunto da cidadanía, coa excepción dos obradoiros, que requiren de inscrición previa.
A Semana da Creatividade arranca o luns 22 cunha apertura institucional na sede da Vicerreitoría e coas xornadas 'Deseño e infografía. Diversas olladas á comunicación visual', na Facultade de Deseño. Estas abriranse cun coloquio sobre deseño de información e visualización de datos, a cargo de Álvaro Valiño, e outro sobre a creación de carteis para cinema e televisión, impartido por Catarina Sampaio, e continúan pola tarde con dous obradoiros, con inscrición previa, impartidos por estes dous profesionais do deseño e a ilustración.
Así mesmo, desde o luns poderá visitarse na sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes, a exposición sobre arqueoloxía dixital 'Voute preservar, miñoca!'. onde os videoxogos en galego e a arqueoloxía se dan a man, unha mostra comisariada polo investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEEAT) Óscar Penín. A mostra contará con visitas guiadas para grupos, previa reserva no correo electrónico [email protected].
Xa o martes 23, a actividade continuará na Casa das Campás coa xornada 'Diálogos entre IA e creatividade', que afondará no impacto da intelixencia artificial nos procesos creativos. O evento abrirase coa conferencia 'Como dirixir artisticamente un robot?', a cargo de Eren Saracevic, profesor da Barcelona School of Arts & Design, e continuará cun relatorio do ilustrador e deseñador gráfico Luis Demano, que porá en relación estas ferramentas xerativas e os dereitos de autor. A xornada pecharase cunha mesa redonda moderada polo profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo Pablo Fernández Carballo-Calero.
A creatividade aplicada á moda e aos produtos deportivos será o mércores o eixe dunha mesa na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na que participarán representantes de Zara Athleticz, Bh Fitness e Artesanía de Galicia.
Tamén nesta terceira xornada, Belas Artes acollerá 'Linguaxe e Creatividade. Un binomio inseparable', que abrangue dúas conferencias e dous obradoiros. O primeiro dos relatorios, 'De Tolkien ao Klingon: a aventura de inventar linguas', correrá a cargo do profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Valcárcel, que suma máis de 600.000 seguidores en redes sociais polo seu labor de difusión da interlingua. A continuación, o artista e investigador Alberto Santos impartirá o coloquio 'Graffiti Writing'.
Na tarde do mércores botará a andar tamén, na sede da Vicerreitoría, unha nova edición das xornadas 'Pensamento e Creación', un ciclo de relatorios e actuacións promovido coa Aula Castelao de Filosofía. Esta iniciativa ábrese na tarde do mércores coa conferencia 'Soidades do alfabeto. Foulas e prodixios do pasado', do filólogo, profesor e poeta Calros Solla, e complétase coa participación do cantautor galego Tino Baz, que abordará o papel da palabra no eido musical.
Á xornada seguinte, a Facultade de Comunicación acollerá a conferencia 'Fame de Ideas!', centrada na industria da publicidade, así como no Club de Creativos e nos seus Premios Nacionais de Creatividade CdeC, da man da integrante do seu comité de dirección e responsable da axencia BAP&Conde, Raquel Quintana. Tamén nesta xornada, a Vicerreitoría acollerá unha nova proxección do ciclo de cine 'Expediente Alquimia (II)', mentres que o venres acollerá un obradoiro de Mindset Emprendedor, inserido nas actividades do proxecto europeo HEI4Future e centrado, sinalan, nas “características dunha mentalidade emprendedora”.
Para esta xornada do venres está previsto tamén o acto de entrega de premios do concurso de vídeos en TikTok, que mantén aberta a súa inscrición ata o 15 de abril, así como unha serie de visitas escolares á exposición sobre arqueoloxía dixital galega, que contará ademais cunha zona de videoxogos clásicos en galego.
Xa pola tarde, esta programación botará o peche na Casa das Campás coa segunda sesión das Xornadas de Pensamento e Creación, que arrancará cunha conferencia da artista e profesora da Facultade de Belas Artes Andrea Costas. Esta iniciativa completarase co espectáculo Arteria temporal, que combinará o recital e a acción escénica, da man do dúo de poesía escénica Cintaadhesiva, colectivo integrado pola poeta e actriz Silvia Penas e o deseñador gráfico, músico e videocreador Jesús Andrés Tejada.