A creatividade é o fío condutor do proxecto de especialización do campus de Pontevedra e, coincidindo coa conmemoración, o 21 de abril, do Día Internacional da Creatividade e da Innovación, organízanse un conxunto de actividades gratuítas e abertas a toda a cidadanía.
Entre o mércores 19 e o venres 28, as diferentes facultades e escolas acollerán unha serie de conferencias, talleres e xornadas. Trátase dun conxunto de propostas que buscan pór de relevo “os vínculos que hai entre os distintos graos, mestrados e doutoramentos do campus”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto.
Esta Semana da Creatividade e da Innovación contará, entre outros, coa participación do creativo publicitario Toni Segarra, que a revista Forbes situou entre as 25 persoas máis influentes de España; do fundador do Museo de Ideas e Inventos de Barcelona, Pep Torres; e da cineasta Ángeles Huerta, directora da película máis galardoada na última edición dos Premios Mestre Mateo, O Corpo Aberto.
O evento comezará o vindeiro mércores 19 de abril na Facultade de Comunicación, cun acto de presentación que se verá sucedido pola inauguración da exposición "Do soño á realidade. 1500 ideas, 26 propostas de novos produtos". Coordinada polos profesores Pedro Figueroa e Ana Dopico, trátase dunha mostra que reúne os traballos desenvolvidos polo alumnado da facultade nun seminario de innovación, no que deben abordar as diferentes fases de deseño dun novo produto.
A continuación, terá lugar o relatorio "Innovación tecnolóxica: sabes como abordala para evolucionar os teus produtos e servizos?", a cargo da egresada da facultade e responsable de innovación aplicada da consultora tecnolóxica Capgemini, Noelia Vázquez. Da man da Facultade de Comunicación, a actividade continúa o xoves 20 cun coloquio dos creativos publicitarios Toni Segarra e David Torrejón.
Á semana seguinte, o martes 25 visitará a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o emprendedor, escritor e deseñador Pep Torres nunha actividade, a medio camiño entre “a conferencia e o taller” titulada "Revolution mind: o poder do algoritmo humano", Torres porá o foco nas oportunidades de innovación que existen no seo das organizacións.
Finalmente, o bloque de conferencias desta Semana da Creatividade e da Innovación complétase o mércores 26 cun relatorio do coordinador xeral da empresa Daveiga, Xosé Lois Lamazares, organizada coa colaboración do Pont-Up Store e dirixida a afondar na traxectoria dunha empresa que, desde a economía social e o rural, logrou alcanzar unha facturación anual de seis millóns de euros.
Outra das propostas inseridas nesta programación son as Xornadas de Pensamento e Creatividade, que a Vicerreitoría organiza xunto coa Aula Castelao de Filosofía e que terán lugar o 27 e 28 de abril na Casa das Campás. Centradas no mundo do cine, abriranse na tarde do xoves 27 cunha conferencia de Ángeles Huerta, cuxa última longametraxe "O Corpo Aberto" era recoñecida, entre outros, cos galardóns á mellor película, dirección e guión nos Mestre Mateo. Tras o seu relatorio, a xornada completarase cunha actuación do músico Paulo Pascual, autor da banda sonora do documental "Negro Púrpura". O venres 28, este ciclo acolle a proxección do documental "Doe o Courel" e completaranse cunha actuación de Samudrá Trío.
Tamén se insire nesta programación o ciclo de cine "Expediente Alquimia", que se desenvolve entre marzo e xuño e que busca explorar, a través de filmes de diferentes épocas e xéneros, as múltiples canles polas que a creatividade se fai patente no cinema.
Abertos a toda a cidadanía, aínda que con inscrición previa, tres obradoiros forman parte da programación desta semana. Entre eles atópase o taller de creatividade persoal "O cuarto azul", "Nova técnica na pandeireta: unha aproximación aos recursos interpretativos da pandeireta galega no século XXI" e a xornada Emprender.