O campus aposta pola mobilidade sostible con ninebots e bicis

Pontevedra
19 de setembro 2016

Esta iniciativa é unha das medidas incluídas no segundo plan de acción do proxecto Green Campus

Proba de ninebots no Campus
Proba de ninebots no Campus / Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra conmemora por primeira vez a Semana Europea da Mobilidade substituíndo os coches pola diversión e concienciación no centro do campus, a través dunha serie de actividades lúdicas ao aire libre relacionadas coa mobilidade sostible, a reciclaxe e os hábitos de vida saudables.

Un circuíto de ninebots, uns vehículos eléctricos de dúas rodas que poden constituír unha alternativa ecolóxica de transporte nas cidades, e o mural que a comunidade universitaria irá elaborando con materiais reciclados ocupan desde este luns un espazo habitualmente reservado aos coches na vía central do campus pontevedrés. É unha das actividades incluídas no segundo plan de acción do proxecto Green Campus. 

Con motivo desta conmemoración, o tráfico permanece pechado na estrada situada entre Ciencias Sociais e da Comunicación e a escola de Forestais, en horario de 13.00 a 16.00 horas.

A estas propostas sumaranse este martes as Green Bubbles, burbullas nas que os participantes poderán avanzar sobre unha piscina, e sesións de exercicio físico ao aire libre, xunto co coloquio sobre mobilidade sustentable que ofrecerá en Forestais Emilio Pérez, do colectivo Pedaladas.

Ademais, abriuse a inscrición no obradoiro de reciclaxe de bicicletas Green Bike, que se desenvolverá en outubro coa colaboración dos colectivos Dinamo e Pedaladas, e que permitirá á comunidade universitaria arranxar as súas vellas bicicletas con materiais reciclados.