O campo non entende de corentenas

Pontevedra
03 de abril 2020

A pesar do estado de alarma, nos currais e hortas da contorna de Pontevedra a actividade non cesa, os donos continúan traballando a diario en seméntea e colleita dos seus campos e na alimentación dos seus animais

O campo non entende de corentenas
O campo non entende de corentenas / Diego Torrado

Non se lle poden poñer portas ao campo. O confinamento decretado polo Goberno para frear o avance do coronavirus atopouse cunha excepción no rural. Non por desobediencia, por obrigación e necesidade. "Os animais teñen que comer todos os días, neniño". Contundente argumento que xustifica a presenza de veciños nos campos e hortas dos asentamentos rurais da área de Pontevedra.

O do campo é un traballo duro e non sempre ben valorado, pero estes días desde o peche absoluto das cidades obsérvase con certa envexa a liberdade de saír a tomar o aire ou a dar unha breve camiñada polo monte que rodea estes asentamentos rurais. "Quen me dese ter un xardín!", oirían de forma reiterada de moitos amigos, familiares e coñecidos urbanitas que antes rexeitaban coller unha hazada ou saían despavoridos ao ver un insecto.

Nas leiras, os propietarios afánanse estes días en preparar os campos para sementalos, en retirar malas herbas e en recoller o froito de semanas anteriores. Con todo, tamén eles estanse vendo afectados polas restricións de movemento. Moitos donos teñen leiras a varios quilómetros das súas casas e ao non tratarse de grandes produtores, senón que producen para consumo doméstico, temen que as autoridades os multen e por iso moitos optan por deixar os seus hortos abandonados.

Aos que non poden deixar de lado son aos seus animais. No curral a galiñas e porcos hai que visitalos todos os días, pero hai outros animais de granxa que necesitan saír a pastar. É o caso de cabras, ovellas e vacas que poden verse nas parcelas gozando do pasto fresco que brota nestes primeiros e cálidos días de primavera.

Aínda así e a pesar de que en espazos abertos as posibilidades de contaxio redúcense, o medo a contraer o coronavirus segue moi presente. "Eu non sei se é bo sair ou non, pero teño que vir botarlle de comer ás galiñas", explica unha octoxenaria de Poio que baixa a diario á súa leira para atender ás súas aves de curral e comprobar o crecemento dos seus repolos, leitugas e verzas.

A duración do confinamento segue sendo aínda unha incógnita. A prohibición de reunirse con amigos, tomarse un café nunha terraza ou dar un paseo pola praia é algo que afecta á sociedade, pero coa compañía dos animais, cunha horta na que matar as horas mortas ou un xardín no que tomar o sol, a corentena leva mellor.