O campo de voluntariado 'Rural Influencer' aposta pola comunicación entre persoas novas e maiores

Cerdedo-Cotobade
07 de agosto 2024

A directora xeral de Xuventude visita en Cerdedo-Cotobade o campo de voluntariado 'Rural influencer', no que se reforzan as relacións interxeracionais

Campo de voluntariado 'Rural Influencer', en Cerdedo-Cotobade
Campo de voluntariado 'Rural Influencer', en Cerdedo-Cotobade / Xunta de Galicia

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou esta mañá os mozos que están a participar no campo de voluntariado 'Rural Influencer', que se está a celebrar en Cerdedo-Cotobade, e no que se pon en valor o patrimonial cultural que atesouran as persoas maiores, a través de actividades creativas que poñen en contacto a ambas as dúas xeracións.

Nesta iniciativa a rapazada, de entre 18 e 30 anos, ten a oportunidade de compartir experiencias vitais, culturais e artísticas con persoas maiores desta localidade. Fano a través de obradoiros creativos, foros de comunicación interxeracional e a realización comunitaria dunha pintura mural.

Este xeito de compartir coa mocidade que facilitan estes campos de voluntariado, repórtalles ás persoas maiores tomar contacto directo e de primeira man coas inquedanzas e coas motivacións persoais e artísticas das xeracións máis novas, "co coñecemento, descubrimento e empatía que estes intercambios xeran".

Este campo de voluntariado forma parte do programa da Xunta de Galicia 'O teu mellor verán', que ofrece durante os meses de xullo, agosto e setembro actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo á cativada e rapazada. A programación, que inclúe tamén campamentos, programas de intercambio e actividades de ocio alternativo, conta cun total de 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia.

Precisamente, Lara Meneses tamén se desprazou hoxe ao minicampamento Aventura e natureza rural II da Lama, que forma parte deste programa.

Nesta xornada a cativada, de entre 9 e 14 anos de idade, estaban a realizar as actividades na localidade pontevedresa de Fornelos de Montes.

Con respecto aos minicampamentos, a representante de Xuventude do goberno galego explicou que se trata dunha iniciativa "lúdico formativa que se desenvolve en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega", o que serve, dixo, "tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o lecer educativo".

Estas accións desenvólvense en estancias de cinco días, de luns a venres, durante os meses de xullo e agosto, cun total de 700 prazas en 34 quendas, distribuídas en 14 programas e instalacións en distintos concellos galegos.